O BNG consegue que se inclúan 330.000 euros para mellorar a seguranza e accesibilidade nos pasos de peóns

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Aprobouse tamén proxecto de obras de rehabilitación das ruínas da Caramoniña

O BNG consegue que se inclúan 330.000 euros para mellorar a seguranza e accesibilidade nos pasos de peóns

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021.-  O BNG realizou unha emenda de transacción no Pleno para conseguir que o Concello de Santiago inclúa unha partida orzamentaria dun mínimo de 330.000 euros para executar un plan de actuación en 2021 co obxectivo de incrementar a accesibilidade universal e de reducir a sinistralidade viaria, incluíndo a posibilidade de incorporar naqueles puntos considerados especialmente sensíbeis un sistema intelixente para dispoñer un maior fluxo luminoso sobre os pasos de peóns, combinado con bandas horizontais e sinais verticais luminosas que se activen ante a proximidade das persoas para cruzar a rúa, conforme o acordo plenario de febreiro de 2017.

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, citou diversos informes da Policía local e de colectivos de discapacidade que fan referencia á necesidade de sinalizar, iluminar e pintar pasos de peóns, ademais de eliminar barreiras arquitectónicas para incrementar a súa accesibilidade e favorecer a mobilidade das persoas con necesidades especiais.

Sen actividades de conciliación para Semana Santa

Ademais, o BNG realizou unha interpelación sobre a política de educación, de cara a fortalecer o ensino público en Santiago de Compostela, de maneira consensuada coa comunidade educativa e cunha canle aberta de diálogo permanente mediante o Consello municipal de Educación. Así, Goretti Sanmartín explicou que mentres 79 nenas e nenos do veciño concello de Ames asistirán a actividades de conciliación de Semana Santa, nunha área dirixida polo BNG, en Santiago non haberá campamentos nese período, ademais de duplicar o prezo destas actividades durante o Nadal e de anuncialas tarde o que provocou unha mínima posibilidade de participación. Foi, pois, o propio goberno municipal o que provocou a redución da demanda. Nun símil cun partido de baloncesto, Sanmartín indicou que ficar a 0 dá conta inacción do Goberno nesta área, algo que se reafirmou neste Pleno ao absterse na demanda da melloras do López Ferreiro, apoiada por todos os grupos da oposición.

A portavoz do BNG defendeu tamén a actualización do Mapa escolar tendo en  conta a proxección de crecemento urbano e de residentes en determinadas zonas da cidade e o novo concurso de comedores escolares coa inclusión da cociña de proximidade e a experiencia piloto nalgúns centros educativos, como demandan as ANPA. Fixo alusión ademais ás contratacións pendentes, como a Escola Municipal de Música, á apertura da ludoteca María Miramontes, á Escola infantil municipal das Fontiñas que está sen contrato desde o 31 de agosto de 2020) e á escola infantil municipal de Salgueiriños co contrato que remata este verán.

Aprobación da actuación para as ruínas da Caramoniña

O BNG conseguiu tamén que se aprobase cos votos a favor de BNG, CA e PP e a abstención do PSOE, a realización do proxecto de obras de rehabilitación das ruínas da Caramoniña, coa colaboración doutras administracións e un orzamento plurianual, para a recuperación deste patrimonio arquitectónico actualmente infrautilizado, pouco accesíbel e mal conectado co resto do tecido urbano.

Goretti Sanmartín lembrou que Santiago de Compostela foi unha das cidades seleccionadas na edición de 2019-2020 para o concurso Driehaus convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Este ámbito aloxou no seu día vivendas unifamiliares ao longo da rúa da Caramoniña e consérvanse aínda os muros destas casas e hortas traseiras en bancais, recentemente recuperadas e incorporadas ao espazo público. O estado das cinco casas é diferente, varias delas están en ruínas e houbo problemas no muro dun pequeno desprendemento no muro o inverno pasado. Ademais de ser preciso limpar máis a miúdo a zona e realizar labores de mantemento. Así, a proposta consistía en idear un proxecto para a recuperación das construcións existentes con destino a cinco vivendas temporais para estudantes e unha para artistas bolseiros/as do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), conectando este ámbito co parque de San Domingos de Bonaval. Estes últimos espazos poden destinarse a usos complementarios ao das vivendas rehabilitadas, tales como obradoiros para artistas ou espazos de traballo vinculados ao ámbito cultural.

Internet no rural, Sala Iago e Xulgado de violencia

O BNG trasladou unha moción ao Pleno para que o Goberno local adopte as medidas necesarias para axilizar as licenzas para a instalación de internet no rural compostelán. Reclamou que se inclúan os 43 núcleos rurais que non aparecen na proposta, co fin de non perder os fondos europeos destinados a este obxectivo para a instalación de internet de alta velocidade nestes emprazamentos. Ademais, instou a que o Goberno local anuncie un prazo para a instalación de internet de alta velocidade no rural compostelán. Aprobouse por unanimidade.

Outra das mocións do BNG foi para reiniciar o diálogo coa familia propietaria da Sala Iago co obxectivo de recuperar este espazo. O Pleno de febreiro de 2018 aprobara por unanimidade unha moción do BNG para recuperar a antiga Sala Iago para actividade cultural que, xa daquela, era un espazo infrautilizado e ruinoso e, conforme pasan os anos, está en peor situación, polo que urxe que o Concello retome esta iniciativa para evitar que este inmóbel histórico siga a degradarse de xeito irreversíbel, cando o sector cultural está necesitado de espazos en Compostela. Aprobouse por unanimidade.

O BNG reclamou nunha moción a necesidade de que Santiago de Compostela conte cun Xulgado de Violencia de xénero, ao fío da información de que a Comisión mixta de Xustiza, en que participan a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), non trasladou ao Ministerio de Xustiza esta petición. En outubro de 2019 xa a Corporación compostelá asinara unha declaración institucional para a creación dun Xulgado específico sobre Violencia de xénero en Santiago de Compostela. Nese documento recollíase que a Lei integral contra a Violencia de xénero aprobada en 2004 tiña o propósito de garantir a especialización no tratamento da denuncias por violencia machista. Tamén o Pacto de Estado contra a Violencia de xénero sinala, na súa medida 122, a necesidade de reforzar a especialización no ámbito procesual intermedio, xulgados do penal, que é o que atende un maior número de casos de violencia machista. O propio pacto conmina a especializar un ou varios en cada provincia para facilitar o coñecemento dos asuntos de violencia de xénero. Apróbase a moción cos votos a favor de BNG, PSOE e CA; o PP abstense.

Nesta sesión plenaria, o BNG preguntou ao Goberno local se vai atender a petición da veciñanza das Fontiñas para manter o actual espazo de arboredo e construír o Imelga nunha zona que permita compatibilizar os usos desta dotación xudicial coas necesidades de lecer da veciñanza. Ao fío desta pregunta, interveu ao inicio do Pleno  Xosé Palacio en representación da veciñanza das Fontiñas. O alcalde recoñeceu que o Goberno local prohibira a xuntanza prevista para o martes 23 de marzo polos colectivos veciñais afectados e ante a petición reiterada de que se pronunciase sobre que faría se a Xunta decidise elixir a parcela do Parque Begoña Caamaño respondeu que agora non, nun xeito claro de confirmar que esa foi a proposta inicial da Alcaldía corroborada pola nota que o Pazo de Raxoi publicou o 16 de febreiro.

Outra pregunta foi para coñecer cando ten previsto o Goberno local asinar o convenio de TUSSA, pendente desde febreiro 2020, e facilitar a información requirida polo comité de empresa en aras de garantir a transparencia e os dereitos laborais.

Ante a pregunta sobre os usos da Casa das Máquinas para que sexa compatíbel coas necesidades do tecido asociativo, xunto coa recuperación da memoria histórica local, a creación artística e o labor sociocultural de Galeras, a concelleira confirmou que se manterá o uso para o asociacionismo veciñal.

En canto aos rogos, o BNG trasladou a petición para que o Goberno local revise se o depósito de entullos nunha parcela municipal situada a carón do Conservatorio Profesional de Música se realiza con autorización e cumpre a normativa ambiental en materia de residuos e, en caso contrario, que proceda a tomar as medidas oportunas para evitar esas verteduras e restaurar a zona, ademais de propoñer a plantación de árbores nesa zona.

Outro rogo foi para instalar a sinalización vertical e horizontal que corresponda, coa antelación suficiente, no cruce entre Castrón Douro e Curros Enríquez co obxectivo de evitar o risco de colisión entre vehículos e de regular o tránsito nesta zona.

Ademais, reclamou que se estude a posibilidade de incluír na área de Deportes unha partida orzamentaria destinada a subvencións de libre concorrencia para deportistas con diversidade funcional.

O BNG consegue que se inclúan 330.000 euros para mellorar a seguranza e accesibilidade nos pasos de peóns