O BNG cualifica de “desleixo e escurantismo” a xestión do Goberno local cos centros socioculturais

O BNG cualifica de “desleixo e escurantismo” a xestión do Goberno local cos centros socioculturais

Rematou o contrato o 14 de marzo sen posibilidade de prórroga e a empresa concesionaria segue a prestar o servizo

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advertiu en rolda de prensa do “absoluto desleixo e escurantismo” co que o Goberno de Compostela Aberta está a actuar coa rede de centros socioculturais, xa que rematou o contrato o 14 de marzo e a empresa concesionaria segue a prestar o servizo.

O BNG demandou até en dúas ocasións o expediente coa oferta presentada pola empresa adxudicataria do servizo de centros socioculturais, con rexistro do 7 de outubro e reiterado o 13 de novembro ante a falta de contestación. “Cinco meses despois, seguimos sen poder acceder a esa documentación crucial para facer o labor de oposición e poder comprobar o grao de execución do mesmo, así como as actividades incluídas na oferta”, engadiu.

Con posteridade, nos primeiros meses de marzo, o BNG formulou unha batería de preguntas sobre o funcionamento da rede de centros socioculturais e o modelo de xestión futuro, das que segue sen obter resposta pese a que o prazo estabelecido no regulamento municipal é de 15 días. “Trátase, pois, da mesma transparencia e do mesmo trato á oposición que tiñamos nos peores momentos do anterior Goberno do Partido Popular”, indicou o portavoz nacionalista en Raxoi.

Para Rubén Cela, o máis grave deste tema é “a falta de dilixencia” pois dende que o Goberno de Compostela Aberta tomou posesión en xuño de 2015 “sabía que o contrato de xestión dos centros socioculturais remataba o 14 de marzo de 2016 e que non era prorrogábel”. Deste xeito, CA tivo tempo de sobra para sacar un novo concurso ou ben para estudar outro modelo de xestión para poñelo en práctica a partir do 15 de marzo, mais optou por manter o servizo “dun xeito irregular e precario, ademais de abusar dos recoñecementos extraxudiciais de crédito”, cunha empresa que segue a prestar servizo sen respaldo contractual, o que crea inseguridade nos traballadores e traballadoras e nas persoas usuarias.

Así, explicou que a licitación é de 1,6 millóns de euros anuais e, a pesar disto, a entidade municipal sufraga gastos de actividades na rede de centros “que non sabemos se lle corresponden ao Concello ou á empresa que presta este servizo, porque descoñecemos os termos do contrato e non se nos facilita, o que pode constituír unha irregularidade máis”.

O BNG cualifica de “desleixo e escurantismo” a xestión do Goberno local cos centros socioculturais