O BNG cualifica de “inxustificábel” a posíbel prórroga do contrato á empresa das escolas infantís

O BNG cualifica de “inxustificábel” a posíbel prórroga do contrato á empresa das escolas infantís

“Ademais das iniciativas do BNG no curso pasado contra as deficiencias detectadas, foron moitas as denuncias e as mobilizacións de pais, nais, sindicatos e ensinantes”, afirma Rubén Cela.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, cualificou de “inexplicábel e inxustificábel” que a uns días de que remate o contrato da empresa adxudicataria das escolas infantís de Conxo e Fontiñas non se teña licitado un novo contrato deste servizo educativo municipal. Así, manifestou a posibilidade de que a intención do Goberno municipal sexa prorrogar “voluntariamente” o contrato á actual adxudicataria, a empresa Clece, “feito que sería inadmisíbel dada a mala experiencia sufrida durante o curso pasado”.

Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, as escolas infantís de Santiago gozaron dun prestixio entre as persoas usuarias e tamén dun recoñecemento ao seu bo facer fóra do ámbito municipal, sendo a de Conxo destacada como das mellores do Estado até antes o curso pasado, “o que vén demostrar o difícil que resulta acadar o recoñecemento de calidade educativa, pero o doado que resulta perdelo cando non se lle presta a debida atención a algo tan importante como o coidado e educación das e dos máis cativos”.

Así, manifestou que ao grupo municipal do BNG lle preocupa moito a situación destas escolas infantís porque a súa xestión foi froito de “múltiples problemas” o curso pasado. “Foron moitas as denuncias e as mobilizacións de pais, nais, sindicatos e profesionais”, explicou, “e o BNG defendeu diversas iniciativas mediante proposicións, preguntas e denuncias públicas a través da nosa compañeira Elvira Cienfuegos”.

O certo é que xa se viñan detectando deficiencias no cumprimento das condicións estabelecidas no contrato coa empresa concesionaria desde o momento no que se fixo cargo do servizo, en setembro de 2013. Porén non sería até tres meses despois, a finais do mes de novembro, que os servizos técnicos do Concello emitiron un informe que recolle irregularidades na prestación, algunhas xa postas de manifesto incluso previamente pola Consellería de Traballo e Benestar que evidenciaban, entre outras cousas, “a insuficiencia de persoal para o cumprimento do mínimo legalmente esixíbel”.

Terían que pasar 6 meses desde o primeiro informe e 8 desde que se iniciaran as denuncias para que o Concello emitise un informe no que se puñan de manifesto que a situación podía ser motivo de expediente sancionador. Así, tiveron que vir dous requirimentos xudiciais até que Xunta de Goberno resolvese o expediente sancionador cunha sanción de 3000 euros, contía mínima aplicábel para unha falta grave, cando o contrato co Concello supera os 400.000 euros anuais. “Lamentábel, se temos en conta os incumprimentos, só no primeiro mes de servizo suporían un aforro maior ao da sanción estabelecida”, sinalou, “de aí que sexa inadmisíbel premiar esta empresa coa prórroga voluntaria do contrato cando o BNG advertiu con suficiente antelación dos prazos para o novo concurso”.

O BNG cualifica de “inxustificábel” a posíbel prórroga do contrato á empresa das escolas infantís