PLENO

O BNG demándalle ao alcalde que convoque a Comisión de Memoria histórica

Ánxel Casal
Ánxel Casal
Está pendente tamén erguer o monumento a Ánxel Casal aprobado en Pleno hai 17 meses
O BNG demándalle ao alcalde que convoque a Comisión de Memoria histórica

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021.- O grupo municipal do BNG reclámalle ao alcalde que convoque, de maneira inmediata, a Comisión de Memoria histórica e faga as xestións necesarias para erguer o monumento de Ánxel Casal, tal como se aprobou en Pleno en setembro de 2019.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal nacionalista en Raxoi, “é incomprensíbel que Ánxel Casal, alcalde de Santiago de Compostela que logo foi asasinado polo fascismo e apareceu nunha gabia en Cacheiras, que o BNG ten que homenaxear ano a ano, non teña un monumento nesta cidade”. “Parece que hai algo no grupo socialista en contra de Ánxel Casal, queremos que o diga ou que cumpra este acordo plenario posto que é incomprensíbel que a capital de Galiza non erga un monumento de homenaxe ao seu alcalde”, engadiu.

En setembro de 2019 aprobouse unha iniciativa do BNG para a creación da Comisión da Memoria histórica que, como mínimo, conte coa participación de profesorado de Historia da USC, colectivos veciñais, culturais e de recuperación da memoria antifascista, recordou.

Na mesma proposición acordouse -cos votos de BNG, PSOE e CA e mais a abstención do PP- que o Concello de Santiago de Compostela erga dous monumentos de homenaxe aos alcaldes Ánxel Casal e José Germán Fernández, asasinados en 1936 polas súas ideas, coa inscrición dos nomes das persoas executadas ou presas durante o franquismo.

O BNG lembra que foi, precisamente hai 85 anos, en febreiro de 1936, cando Ánxel Casal tomou posesión como alcalde de Santiago de Compostela nun acto onde pronunciou o seu discurso de investidura en lingua galega.

Por estes motivos, o BNG formulará unha pregunta no Pleno de febreiro para coñecer cando ten previsto o Goberno local crear a Comisión de Memoria histórica e erguer os monumentos de Ánxel Casal e José Germán Fernández, tal como se aprobou en Pleno hai 17 meses.

 

O BNG demándalle ao alcalde que convoque a Comisión de Memoria histórica