ORZAMENTOS

O BNG empraza a rectificar os Orzamentos do Estado para que cumpra os compromisos con Santiago

Goretti Sanmartín e Néstor Rego
Goretti Sanmartín e Néstor Rego
Goretti Sanmartín e Néstor Rego presentaron emendas, por máis de 23 millóns de euros, con actuacións incluídas nunha declaración institucional aprobada por iniciativa do BNG
O BNG empraza a rectificar os Orzamentos do Estado para que cumpra os compromisos con Santiago

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e o deputado no Congreso Néstor Rego presentaron as emendas ao Proxecto de Orzamentos do Estado vinculadas a Santiago de Compostela.

Igual que acontece co conxunto dos Orzamentos do Estado para Galiza -un 11% máis baixa a nivel xeral que o orzamento hoxe en vigor, cando o orzamento sobe un  19,4% en global e un 68% no capítulo de investimentos- “Santiago recibe moito menos do que precisa e fican fóra ou cunha dotación moi baixa infraestruturas e necesidades vitais nun orzamento expansivo. Así, Goretti Sanmartín e Néstor Rego emprazaron o Goberno do PSOE e Podemos a que “rectifiquen e cumpran os compromisos con Santiago de Compostela”.

Para alén das propostas xerais, Néstor Rego destacou que o BNG conseguiu que se inclúan cuestións vinculadas ao acordo de investidura co PSOE como a dotación dun xulgado de violencia de xénero con 1 millón de euros para Santiago de Compostela e as rebaixas na AP-9, que son insuficientes, mais constitúen un primeiro paso conseguido polo BNG e que suporán un importante aforro aos milleiros de persoas e empresas que utilizan esta infraestrutura.

Investigación, pensións, cultura, comercio e hostalaría

“Tamén son temas xerais de especial incidencia en Santiago as melloras laborais e indemnización por finalización de contrato predoutoral, de acordo coas peticións da Asemblea de [email protected] de Compostela; cuestións de carácter social como a suba xeral das pensións mínimas para equiparalas ao Salario Mínimo Interprofesional; ou a rebaixa do IVE cultural con gran repercusión nesta cidade ao ser capital cultural de Galiza; a eliminación do IVE das máscaras; e a rebaixa do IVE ao 10% nos salóns de peiteado”, explicou o deputado no Congreso. Destacou especialmente a inclusión dun Plan de apoio ao pequeno comercio e hostalaría, por 20 millóns de euros.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín afirmou que o BNG fai propostas de emendas por un valor de máis de 23 millóns de euros, con moitas das actuacións incluídas na declaración institucional aprobada, por iniciativa do BNG, no Pleno de novembro de 2019 co apoio do conxunto das forzas da Corporación de Santiago.

Creación dun viveiro de comercio na Cidade histórica

Entre as propostas específicas que presenta o BNG, sinalou o incremento da partida do Consorcio, pasando dos 4,5 millóns de euros que figuran na actualidade aos 9 millóns de euros para investir, fundamentalmente, na creación dun viveiro de locais comerciais e profesionais na Cidade histórica, así como en mellorar e incrementar a dotación para obras de insonorización e rehabilitación. “Ningunha proposta mellor para o Xacobeo 2021 que aquelas que teñen como finalidade que haxa vida na cidade histórica e que se melloren as condicións de habitabilidade das persoas residentes nelas”, explicou.

Humanización da rotonda de Conxo, vella terminal da Lavacolla e estación de mercadorías da Sionlla

O BNG tamén inclúe unha partida para a humanización da rotonda de Conxo con 300.000 euros, un proxecto histórico necesario para vertebrar a mobilidade no barrio; outra partida para a recuperación e plan de usos da vella terminal da Lavacolla, co obxectivo de a converter nun centro dedicado a actividades de formación aeronáutica, hangares e talleres de reparación dotada con 500.000 euros.

Propón a creación da Estación de Mercadorías da Sionlla, imprescindíbel para complementar a Variante de Aradas e o orbital e contribuír á industrialización  do concello. Para os trámites iniciais e proxecto fai unha reserva de 800.000 euros, sobre un proxecto que suporía un investimento calculado en máis de 20 millóns de euros.

Ademais, inclúe o proxecto expositivo da estación intermodal Daniel Castelao, aprobado polo conxunto dos grupos da Corporación, cunha emenda de 400.000 euros; e o estudo de viabilidade da liña ferroviaria Lugo-Santiago, de 100.000 euros.

Partidas ambientais: depuradora, saneamento do Sarela e eliminación da herba da Pampa

En canto á nova estación depuradora de Santiago (dotada nestes momentos con tan só 448.000 euros para 2021, o BNG entende que son precisos 10 millóns de euros iniciais para acometer esta obra con urxencia.

O BNG propón tamén o saneamento do río Sarela, cunha emenda de 200.000 euros; e a erradicación da Herba da Pampa, de 500.000 euros.

“En total, son máis de 23 millóns de euros que o BNG pon enriba da mesa para considerar que estes serían uns bos orzamentos para Santiago”, sinalou.

Lembrou que “unha clara evidencia de que estamos ante un mal orzamento son as declaracións do alcalde afirmando que nel aparecen infraestruturas importantes mais ‘sen demostrar un entusiasmo enorme’ por esta proposta orzamentaria para Santiago”, sinalou. “Se iso é o que di un alcalde PSOE, do mesmo partido que elaborou o borrador de orzamentos, xa poden supoñer que na realidade son malos para Santiago como o son para o conxunto de Galiza”, advertiu Goretti Sanmartín. 

O BNG empraza a rectificar os Orzamentos do Estado para que cumpra os compromisos con Santiago