O BNG esixe a constitución dos consellos de participación e se vinculen á elaboración dos Orzamentos

O BNG esixe a constitución dos consellos de participación e se vinculen á elaboración dos Orzamentos

Require que se lle traslade o grao de execución do orzamento de 2015 ao consello de participación veciñal

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, requiriu que se constitúan os consellos municipais de participación, “unha das ferramentas máis útiles para fomentar a participación de veciños e veciñas en asuntos de interese público”, afirmou.

No ano 1998, o Concello de Santiago aprobou un regulamento de participación cidadá e, a partir dese marco xeral, foi o BNG cando tiña responsabilidade de Goberno “quen marcou estes consellos como unha prioridade política” e así impulsou entre 1999 e o 2013 oito consellos de participación cidadá (relacións veciñais, económico e social, muller, mocidade, medio ambiente, normalización lingüística, educación e saúde), aos que entre 2013 e 2008 incorporou seis máis (servizos sociais, deportes, migración, cultura, centros socioculturais e maiores).

Porén, a entrada do PP no Goberno local supuxo unha parada en seco deste proceso, de feito deses 14 consellos de participación durante os catro anos que gobernou o PP só mantivo operativos o de relacións veciñais e o consello de servizos sociais, con carácter testemuñal. Os outros 12 non se chegaron a convocar nin unha soa vez.

“Coa entrada de Compostela Aberta, o BNG entendía que debía haber unha reactivación profunda e intensa destes instrumentos que teñen demostrado o seu bo facer e a súa utilidade para Santiago de Compostela”, explicou. De momento, só se constituíron o de saúde, o de relacións veciñais e o de medio ambiente.

Así, indicou que o Consello de Educación debera ter intervido no tema dos comedores, na definición dos cambios do mapa escolar e na oferta do ensino concertado, entre outros asuntos de importancia, ademais de considerar “inaudito” que se redacte unha nova ordenanza de servizos sociais sen contar co Consello de Servizos Sociais.

Para o BNG, non hai escusa para que un ano despois de entrar a gobernar non se constituísen estes consellos de participación. “Queremos que se convoquen antes do verán porque imos pedir que xoguen un papel esencial na redacción e na confección dos futuros orzamentos municipais para 2017”, afirmou Rubén Cela.

“Este Goberno acaba de aprobar un contrato de 56.000 euros máis IVE para que unha consultora realice un proceso de participación para decidir só sobre o ámbito de investimentos de 1 millón de euros, de xeito que nos chamados orzamentos participativos a veciñanza non vai poder opinar de servizos sociais, educación, cultura ou deporte; tan só sobre obras e equipamentos”, indicou. Así, o BNG demanda que a proposta de orzamentos de cada departamento conte co correspondente consello de participación, para emitir un informe preceptivo onde se teñan en conta as súas achegas. Requiriu tamén “que se lle traslade o grao de execución do orzamento anterior ao consello de participación veciñal, por unha cuestión de transparencia”.

O BNG esixe a constitución dos consellos de participación e se vinculen á elaboración dos Orzamentos