RESIDUOS

O BNG interpón un recurso ao prego de recollida de residuos “por nacer con normativa obsoleta antes da contratación”

Goretti Sanmartín e Navia Rivas
Goretti Sanmartín e Navia Rivas

Propón que, de urxencia, se inclúan medidas que garantan o cumprimento da lexislación ambiental para avanzar na reciclaxe

O BNG interpón un recurso ao prego de recollida de residuos “por nacer con normativa obsoleta antes da contratación”

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021.-  O BNG interpuxo un recurso de reposición contra o acordo da Xunta de Goberno local do Concello de Santiago de Compostela que aprobou o prego de contratación dos servizos relativos á recollida de residuos domésticos e limpeza viaria, “por estimalo non conforme a dereito e nacer con normativa obsoleta antes de se producir a contratación”. Reclama que se paralice o procedemento de contratación para incluír, de urxencia, medidas que garantan avanzar na reciclaxe como estabelece a lexislación ambiental, controlar a empresa concesionaria e instalar novos contedores elaborados con materiais sustentábeis.

Entre as motivacións deste recurso de reposición están o incumprimento xeneralizado da normativa en vigor en materia de residuos de competencia municipal, a falta de fiscalización sobre a empresa concesionaria e a contradición entre o que se di potenciar no relativo á reciclaxe e os propios os compromisos dos pregos, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal, en rolda de prensa.

“Consideramos no BNG que é un prego do século pasado, que non se adecúa á realidade actual, non responde ás necesidades que ten o noso concello en materia de residuos e non corrixe as deficiencias que se atopan e que non obxecto de numerosas queixas por parte da veciñanza”, sinalou a concelleira Navia Rivas. A actual empresa concesionaria dos servizos relativos á recollida de residuos domésticos e de limpeza viaria desenvolve esta prestación desde o ano 2005, após un contrato de 10 anos e sucesivas prórrogas de 5 anos para, finalmente, estar sen cobertura legal desde abril de 2020. “Desde aquela a hoxe foron substanciais e moi relevantes as necesidades da poboación de Santiago, así como a publicación de numerosa normativa ambiental de diferentes administracións de obrigado cumprimento”, engadiu.

Santiago recicla menos do 20% cando debera estar no 50%

Entre as cuestións de maior transcendencia a que obriga a normativa actual está a imposición para o ano 2025 da reciclaxe de, como mínimo, o 55% dos residuos municipais, unha porcentaxe que se deberá ir incrementando até o 65% en 2035, un aspecto sobre o que inciden tanto a Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galiza como a Lei  22/2011, de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, esta última de ámbito estatal. “Actualmente está en vigor o obxectivo de reciclaxe do 50%, polo que xa se está incumprindo”, advertiu.

Recentemente, o Consello de Ministr@s aprobou unha nova Lei de residuos e solos contaminados, que será tramitada en breve e pode sufrir modificacións, mais cuxo contido insiste na necesidade de aumentar a taxa de reciclaxe municipal, que se a nivel de Estado está en torno ao 35%, no caso do concello de Compostela está moi por debaixo da media estatal, pois é inferior ao 20%. Nesta nova reforma lexislativa intensifícanse as sancións pola produción de plásticos.

Modelo continuísta sen incrementar recollida separada, reciclaxe nin compostaxe

“Este prego non garante que se poida cumprir a normativa ambiental existente, nin a nivel galego, nin a nivel estatal e europeo; un aspecto que pode derivar na imposición de sancións que repercutirían negativamente no peto de santiaguesas e santiagueses”, indicou Navia Rivas. O prego que acaba de se publicar non estabelece fórmulas que permitan avanzar nesa reciclaxe dos residuos. Para alén disto, as taxas a vertido e incineración van aumentar os custos para un concello que non aposta pola recollida separada, a reciclaxe nin a compostaxe.

Modelo sen seguimento nin control independente do contrato

Goretti Sanmartín insistiu en que tampouco os actuais pregos optan “por un imprescindíbel seguimento e control contractual a partir dun organismo fiscalizador que garanta que o conxunto da poboación paga por aquilo que recibe”.

Para o BNG, os numerosos incumprimentos dun contrato millonario esixen que o Concello poña en marcha mecanismos eficaces “para garantir que o conxunto da poboación vai recibir aqueles servizos que recollen os pregos e nas condicións que determinan as cláusulas”. A falta de inclusión dunha cantidade para poder realizar unha fiscalización externa á propia empresa e orientada desde o propio Concello fan imposíbel que estes pregos respondan ás necesidades da veciñanza e camiñen na liña dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel 2030, alertou.

Outro dos puntos do recurso é a contradición entre o que se di potenciar en materia de reciclaxe e os verdadeiros compromisos. “A pesar dun aparente discurso a prol do ambiente, do estudo dos pregos derívase que, para poder cumprilos, a empresa concesionaria xerará máis de 250 toneladas de  plástico sen reciclar para a instalación de novos colectores de lixo”, afirmou Goretti Sanmartín. A respecto dos materiais empregados, soamente as 1.516 unidades de colector de lixo de carga lateral que solicita o prego representan 195 toneladas de polietileno virxe de alta densidade. A esta agresión ambiental hai que acrecentar os 705  colectores de carga traseira que tamén serán de plástico virxe de alta densidade, e que representan outras 17 toneladas de polietileno. Entre os lotes 1 e 2 do prego compraranse 251 toneladas de plástico.

Deste xeito, non existe correspondencia nin medidas que camiñen cara ao cumprimento das novas exixencias que van entrando en vigor ao longo desta década de 2020 a 2030, derivadas do paquete de directivas sobre Economía circular.

Inclusión de medidas que garantan o cumprimento da normativa ambiental

Así, Goretti Sanmartín reclamou “que se suspenda a execución do acto impugnado e, por tanto, que se paralice o procedemento de contratación do Prego de contratación dos servizos relativos á recollida de residuos domésticos e limpeza viaria” e que se proceda con urxencia a incluír nos novos pregos medidas que garantan o cumprimento da normativa en vigor en materia de residuos, a fiscalización sobre a empresa concesionaria e o control estrito sobre o cumprimento das cláusulas do prego e a introdución de parámetros ambientais nos investimentos a realizar pola empresa concesionaria, con medidas avanzadas e compromisos reais de sustentabilidade ambiental e a utilización de solucións de contenerización ecolóxicas.

“A Xunta de Goberno ten na súa man facer isto con rapidez, se deixou transcorrer dous anos de mandato municipal sen pór enriba da mesa a súa alternativa e un ano co contrato en precario, poderá agardar uns días a que se realicen estas mudanzas”, afirmou a portavoz municipal.

“En todo caso, para quen pode pensar que a presentación deste recurso atrasa o proceso, queremos lembrar que o proceso de licitación acaba de comezar, que pode durar un mínimo de 4 meses mais que probabelmente vaia a case un ano antes da adxudicación definitiva e que, como xa levamos solicitado, o Concello debe poñer enriba da mesa solucións aos múltiplos problemas e incumprimentos da actual concesionaria e non esperar e esperar a que chegue a nova concesión”, subliñou.

Quixo remarcar tamén que se trata dun recurso administrativo, interposto perante á Xunta de Goberno, e non un recurso xudicial, que depende dos xulgados. “Está na man do Goberno resolvelo nuns días, o traballo está feito, só se trata de escoitar e ter vontade de actuar”, asegurou a portavoz nacionalista en Raxoi.

O BNG interpón un recurso ao prego de recollida de residuos “por nacer con normativa obsoleta antes da contratación”