MEMORIA HISTÓRICA

O BNG organiza o acto “A memoria das mulleres na época de Ánxel Casal”

Homenaxe Ánxel Casal
Homenaxe Ánxel Casal
Centrarase na difusión das figuras do ex-alcalde asasinado no franquismo e de María Miramontes e Elvira Bao, nun día para a reflexión sobre a memoria histórica e de recoñecemento á súa dignidade
O BNG organiza o acto “A memoria das mulleres na época de Ánxel Casal”

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020.- O BNG de Santiago organiza o acto “A memoria das mulleres na época de Ánxel Casal” o xoves 20 de agosto para lembrar o asasinato do ex-alcalde de Santiago de Compostela en 1936 a mans do franquismo. Nesta edición, será ás 12:00 horas na praza do Toural coas intervencións das concelleiras Goretti Sanmartín e Navia Rivas; da escritora Montse Fajardo e da actriz Tero Rodríguez que interpretará María Miramontes.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz do grupo municipal, o BNG de Santiago celebra, un ano máis, este acto de recoñecemento á figura de Ánxel Casal “aparecido nunha gabia en Cacheiras o 19 de agosto de 1936 e á memoria de todas as persoas represaliadas e asasinadas durante o franquismo”.

“Neste ano queremos dedicarlles atención ás mulleres na época de Ánxel Casal, importantes tanto desde o punto de vista político como educativo, que traballaron desde as Irmandades da Fala, Partido Galeguista e Escolas de Ensino Galego”, sinalou. Concretamente, centrarase na difusión das figuras de María Miramontes e Elvira Bao.

Así, o BNG fai un chamamento á veciñanza de Santiago e da súa comarca para asistir a este acto público “nuns días para a reflexión sobre a memoria histórica e de recoñecemento á dignidade das persoas que o deron todo por este país, até a súa propia vida”, explicou Goretti Sanmartín.

María Miramontes foi compañeira de vida de Ánxel Casal e compañeira tamén na reivindicación e defensa dos ideais dunha Galiza libre e orgullosa da súa lingua e cultura. “Se María Miramontes sufriu o exilio exterior, Elvira Bao tivo que padecelo na Galiza”, sinalou Goretti Sanmartín. “Apartada do ensino, onde representa o modelo de mestra innovadora que participou no deseño das Escolas do Ensino Galego, sufriu cárcere e habitou co medo no interior dunha casa de que non podía a saír”, engadiu.

O BNG organiza o acto “A memoria das mulleres na época de Ánxel Casal”