O BNG organiza o acto público “Por un modelo de recollida e tratamento de residuos sustentábel”

Acto de residuos
Acto de residuos
Pódese seguir por streaming na canle de youtube BNG Compostela
O BNG organiza o acto público “Por un modelo de recollida e tratamento de residuos sustentábel”

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021.-  O BNG organiza o acto “Por un modelo de recollida e tratamento de residuos sustentábel” coa participación de César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra e responsábel do Plan Revitaliza; de Manuel Soto, director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña; e de Goretti Sanmartín e Navia Rivas, concelleiras en Santiago de Compostela. Será o 6 de maio ás 19:00 horas na Biblioteca Ánxel Casal e poderase seguir por streaming nesta ligazón da canle de youtube BNG Compostela.

“Con este acto queremos facer unha primeira avaliación do que significa o prego do contrato do lixo de Santiago de Compostela que, desde a perspectiva do BNG é máis estético que ambiental, non aposta pola compostaxe, supón 100 millóns de euros para os próximos 10 anos e desbota cumprir coa normativa ambiental a respecto da reciclaxe”, explicou Goretti Sanmartín.

O BNG pretende, así, “continuar a concienciar e denunciar que o grupo socialista utilice este contrato de residuos única e exclusivamente pensando na renovación necesaria de materiais”, mais non en desenvolver un modelo alternativo que separe e aposte pola compostaxe e cumpra a normativa ambiental.

“Queremos lembrar que en Santiago estamos moi lonxe de cumprir as directices ambientais, pois o que se recicla sitúase no 14% cando en 2020 tiñamos que estar no 50% e no 55% en 2025”, advertiu. Por iso, que en 2021 unha licitación de contrato deste tipo non teña en conta os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel 2030, nin as estratexias de economía circular ou cambio climático “resulta moi pouco edificante e un mal exemplo dunha vontade realmente verde, cando aínda por enriba se van gastar moitas toneladas de plástico porque tampouco se require que os contedores sexan de materiais sustentábeis”, concluíu Goretti Sanmartín.

 

O BNG organiza o acto público “Por un modelo de recollida e tratamento de residuos sustentábel”