O BNG pregúntalle ao alcalde pola privatización de funcións do departamento de Protocolo

O BNG pregúntalle ao alcalde pola privatización de funcións do departamento de Protocolo

O Goberno de Compostela Aberta contratou a actualización dunha base de datos de contactos de Protocolo por 6.655 euros

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG pregúntalle ao alcalde Martiño Noriega polo contrato realizado á empresa Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais para a actualización da base de datos de contactos do departamento de Protocolo do Concello de Santiago de Compostela, cando este servizo pode ser realizado con persoal e recursos propios municipais.

Lembra o BNG que o Goberno local está a incumprir así un dos compromisos adquiridos por Compostela Aberta de realizar unha xestión pública fronte ás privatizacións, pois supostamente defendía que “a xestión pública directa dos servizos básicos prestados pola administración local é máis barata que a xestión mediante unha empresa concesionaria, tal e como evidencian numerosos estudos académicos ou do Consello e do Tribunal de Contas”.

Outra das liñas de acción que está a incumprir Compostela Aberta é relativa á compra pública responsábel na administración municipal, que define a aplicación dun conxunto de parámetros sociais, ambientais e éticos na execución dos orzamentos públicos para a adquisición e consumo de bens e servizos por parte do Concello, pois con contratacións deste tipo non se responde a necesidades reais xa que ese traballo pode desenvolvelo o propio departamento con recursos e persoal da propia administración.

Este contrato por 6.655 euros do departamento de Protocolo, que depende da Alcaldía, súmase a outros como o da “Elaboración dun diagnóstico de igualdade de Compostela” por 21.659 asinado por decreto hai menos de tres meses coa mesma empresa.

Deste xeito, o BNG require que o Goberno local sexa responsábel co uso dos fondos públicos, para que sexan destinados a necesidades reais da veciñanza de Santiago de Compostela e que atendan aos gastos consignados nos Orzamentos municipais.

O BNG pregúntalle ao alcalde pola privatización de funcións do departamento de Protocolo