PLENO

O BNG preguntará pola instalación de cámaras na Cidade histórica

videovixilancia
videovixilancia

O Goberno local destinará 1,4 millóns de euros nun sistema de videovixilancia que pode comprometer dereitos fundamentais

O BNG preguntará pola instalación de cámaras na Cidade histórica

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021.- O grupo municipal do BNG trasladará unha pregunta ao vindeiro Pleno para coñecer como ten previsto o Goberno local garantir os dereitos fundamentais á intimidade, liberdade de expresión e libre circulación poden verse vulnerados mediante o sistema de videovixilancia que está a instalar en diversos puntos da cidade, xa que permiten a visión, gravación, localización e identificación de persoas e de vehículos.

O Goberno local está no proceso de instalación de 43 cámaras de videovixilancia, con solucións estética e patrimonialmente discutíbeis, que aplican un sistema de intelixencia artificial, mediante o programa Smartcity, para o control e recoñecemento de vehículos e persoas que transiten por diversos puntos da cidade. Esta intervención ten un orzamento de 1,4 millóns de euros.

Ademais de utilizar algoritmos destinados a determinar o número de vehículos que circulan en cada momento, poderán detallar a marca, a cor, o modelo, o volume, a matrícula e mesmo se supera o peso máximo permitido na Cidade histórica. Do mesmo xeito, poderán realizar un recoñecemento das persoas que camiñan a pé, participan en manifestacións e entran e saen das súas vivendas, por exemplo.

O BNG recibiu queixas da veciñanza polo emprazamento da instalación destas cámaras, en concreto das situadas en determinados edificios da Cidade histórica sen o consentimento das persoas propietarias e, ademais, ao estaren á altura das vivendas e seren articuladas e dirixíbeis poden captar imaxes e gravar cara os seus interiores, ademais das persoas e vehículos que circulan polas rúas e prazas.

 

 

O BNG preguntará pola instalación de cámaras na Cidade histórica