Para o BNG é prioridade un urbanismo social, para facer unha cidade máis amábel e cómoda

Para o BNG é prioridade un urbanismo social, para facer unha cidade máis amábel e cómoda

Membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas realizaron un percorrido para falar de accesibilidade e de supresión de barreiras arquitectónicas acce01

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2015.- Membros do BNG - Asembleas Abertas realizaron un percorrido arredor da praza de Galiza para falar da necesidade de mellorar a accesibilidade na cidade. Na visita, ademais de Rubén Cela, Goretti Sanmartín, Rafael Vilar e Pilar Lueiro, participou Jonathan Barral, un estudante de Xornalismo que vai como independente na candidatura que sinalou as principais dificultades que atopan as persoas con problemas de visión ou de mobilidade.

Ao remate do percorrido, Rubén Cela explicou que se tratou dunha “demostración real dos problemas que se atopan as persoas en Santiago de Compostela debido á falta de planificación na supresión de barreiras arquitectónicas”. Así, anunciou que para o BNG vai ser “absoluta prioridade un urbanismo social, destinado ás persoas” e por iso quere construír unha cidade “máis amábel e cómoda, onde a prioridade sexan os peóns”, onde resulta indispensábel que nas novas obras se cumpran os máximos estándares de calidade en canto a mobilidade “e isto debe ir acompañado dunha planificación a medio e longo prazo de todo o resto da cidade”, con actuacións que se poden mellorar “que en moitas ocasións son baratas e sinxelas e incrementarían a calidade de vida dos veciños e veciñas de Santiago”.

Ademais, Jonathan Barral explicou que o semáforo da praza de Galiza na rúa da Senra “aínda que ten sonoridade é un dos máis perigosos de Santiago, non só por ter catro carrís senón pola curta duración que ten cando está en verde para unha persoa xa non só cega senón con problemas de mobilidade”. “Para chegar até aquí, usei o transporte público e pese a que se vén de pór en marcha unha aplicación para que poidamos ter constancia da situación do autobús que precisamos, necesita ser mellorada porque é lenta e incómoda para manexar”, sinalou.

Ademais, lembrou que “hai cousas que se botan de menos” como o taqueado que indica os pasos de peóns ás persoas invidentes, “que foi retirado e descoñecemosos motivos”. Para Jonathan Barral, “Santiago é unha cidade relativamente accesíbel, pero necesita ser mellorada, por exemplo na localización das paradas de autobús porque non hai indicacións sonoras nas pantallas e tampouco existen as indicacións nos pasos de cebra”, explicou.

Para o BNG é prioridade un urbanismo social, para facer unha cidade máis amábel e cómoda