PLENO

O BNG propón que o Concello ceda un terreo municipal para construír un novo centro en Lamas de Abade

Reunión no Parlamento
Reunión no Parlamento
Representantes do BNG e da ANPA do IES Lamas de Abade reúnense no Parlamento e propoñen medidas para evitar que a Xunta traslade o seu alumnado e profesorado ao barrio de Sar
O BNG propón que o Concello ceda un terreo municipal para construír un novo centro en Lamas de Abade

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e o deputado parlamentar Manuel Lorenzo mantiveron unha reunión con representantes da ANPA do IES Lamas de Abade e con Lois Calvelo, da asociación veciñal do Castiñeiriño, ante a pretensión da Xunta de trasladar o alumnado e profesorado ao instituto de Sar. O BNG defenderá unha iniciativa no Pleno de febreiro para que o Concello de Santiago poña a disposición da Xunta un terreo municipal para construír un novo centro en Lamas de Abade co fin de que poida atender a demanda existente e evitar o desprazamento.

"Despois de manter unha reunión do grupo municipal, do grupo parlamentar e da ANPA do IES Lamas de Abade, trasladamos a nosa solidariedade e apoio ás reclamacións da súa comunidade educativa para pedir que se paralice o traslado do alumnado e profesorado deste centro ao instituto de Sar", explicou Goretti Sanmartín ao remate da xuntanza no Parlamento galego.

Segundo manifestou, o lóxico é que o alumnado vaia a un centro educativo das súas inmediacións nunha zona onde existen familias novas que se están asentando e onde non hai problemas de falta de alumnado para manter ese centro na propia contorna do Lamas de Abade.

Deste xeito, desde o BNG reclámase que exista diálogo sen opoñerse aos centros integrados de formación profesional e á aposta "por fortalecer a oferta, os medios e as dotacións para que sexa unha plataforma máis sólida", que debe ser compatíbel a que na propia zona do Lamas de Abade exista un espazo para construír un novo centro que albergue o futuro alumnado e profesorado de bacharelato do actual instituto.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, a Xunta debe abrir un diálogo coa comunidade educativa, coas familias e coa veciñanza, porque "non pode ser unha imposición unilateral cando existen datos de que hai poboación escolar suficiente para que o IES Lamas de Abade se manteña nesa contorna", en vez dun traslado para un centro urbano pegado á nova estación intermodal da cidade con dificultades de tráfico e de acceso, con carencias de espazo e onde ao final o que se pode producir é unha masificación do alumnado.

Deste xeito, o BNG demanda "diálogo, consenso, apoio e compromiso das administracións", comezando polo Concello de Santiago, onde levará unha iniciativa para solicitar o seu compromiso coa comunidade educativa e a súa posta a disposición da parcela do terreo necesario para que se poida construír un novo instituto na zona.


 

O BNG propón que o Concello ceda un terreo municipal para construír un novo centro en Lamas de Abade