O BNG propón elaborar un plan estratéxico de subvencións

O BNG propón elaborar un plan estratéxico de subvencións

Cómpren cambios para reducir a arbitrariedade e selar as vías de auga polas que escapan os cartos públicos

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2016.- O grupo municipal do BNG proponlle ao Goberno local de Compostela Aberta que elabore un plan estratéxico de subvencións para reducir as axudas nominativas nos orzamentos municipais 2017. Na moción que levará ao Pleno require tamén que se elabore unha ordenanza municipal de subvencións co fin de favorecer unha maior eficacia, eficiencia e control dos cartos públicos destinados a este fin.

Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, é conveniente a redacción e posterior aprobación dun plan estratéxico de subvencións que, á súa vez, estea amparado pola correspondente ordenanza para favorecer unha maior eficacia, eficiencia e control.

De feito, nas leis de subvencións das administracións públicas especifícase que deberán concretar nun plan estratéxico de subvencións os obxectivos e efectos que se pretendan coa súa aplicación, o prazo necesario para a súa consecución, os custos previsibles e as súas fontes de financiamento, supeditándose en todo caso ao cumprimento dos obxectivos da estabilidade orzamentaria. A xestión das subvencións a que se refire a normativa realizaranse de acordo aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, entre outros.

Con este plan, o BNG pretende que se reduza a arbitrariedade. “Cómpren cambios para selar as vías de auga polas que escapan os cartos públicos, estes procedementos opacos nos que ás veces se subvencionan persoas ou institucións concretas e non proxectos de interese público mediante convenios deben tender a procedementos transparentes de concorrencia competitiva”, recolle o texto da iniciativa. Ben é certo que as subvencións nominativas dan máis estabilidade ás entidades adxudicatarias, no entanto é preciso camiñar cara o adelgazamento desta en aras dunha mellor rigorosidade e transparencia na xestión. Na proposta do Goberno municipal para o ano 2016 propuxéronse 22 novas subvencións e un incremento na contía total dun 16% con respecto a 2015.

Neste sentido, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no marco do proceso e das negociacións para a elaboración do Orzamento municipal para o ano 2017 solicita un cambio substancial no modelo de concesión das subvencións cunha limitacións substantiva das concedidas a través de convenios nominativos e unha ampliación das contías a través da concorrencia competitiva, para que se transforme no procedemento ordinario de concesión de axudas públicas.

O BNG propón elaborar un plan estratéxico de subvencións