PLENO

O BNG proporá no Pleno que Santiago participe no proxecto solidario de vacinación contra a covid en Cuba

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin

Goretti Sanmartín sinala que o bloqueo que manteñen os Estados Unidos contra Cuba dificulta a adquisición de xiringas necesarias para frear a pandemia

O BNG proporá no Pleno que Santiago participe no proxecto solidario de vacinación contra a covid en Cuba

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021.-  O BNG trasladará unha moción ao Pleno con propostas da Asociación de Amizade galego-cubana Francisco Villamil e da organización de Solidariedade para o desenvolvemento e a paz (SODePAz) para participar no proxecto de solidariedade internacional para a vacinación contra a covid en Cuba ante o bloqueo que manteñen os Estados Unidos.

“Trátase dun proxecto para que o Concello de Santiago participe no proxecto de adquisición de xiringas para a vacinación contra a covid, no ensaio de intervención comunitario da cidade de La Habana, que pretende chegar a 1,7 millóns de persoas beneficiarias”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

“Este proxecto é necesario polo bloqueo económico, político, financeiro e comercial que se mantén á illa de Cuba desde hai moito tempo e nesta moción tamén reclamamos que se mostre o apoio necesario para que se levante este bloqueo por parte dos Estados Unidos, ao mesmo tempo que se demanda que os gobernos galego e español, nas súas relacións cos Estados Unidos, expresen a súa condena polo mantemento deste bloqueo”, sinalou.

O BNG é unha forza antiimperialista, solidaria e que basea as relacións entre os estados e as nacións na soberanía nacional, no respecto á legalidade internacional, á paz, á liberdade e á cooperación e, polo tanto, “desde esta perspectiva de proxecto de axuda humanitaria e da procura da liberdade política, económica e comercial para Cuba debe ser un dereito en que todas as forzas debemos concordar”, afirmou.

 

O BNG proporá no Pleno que Santiago participe no proxecto solidario de vacinación contra a covid en Cuba