O BNG reclama a ampliación da rede de aseos públicos para mellorar a limpeza da cidade

O BNG reclama a ampliación da rede de aseos públicos para mellorar a limpeza da cidade

A situación viuse agravada nas últimas semanas polo peche dos situados no aparcadoiro da praza de Galiza

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2016.- O grupo municipal do BNG reclama que o Goberno local inste á empresa concesionaria do aparcadoiro da praza de Galiza para abrir ao público os aseos das súas instalacións. Ademais, require que se elabore un estudo e a posta en marcha dun plan para dotar o concello de Santiago dunha rede de aseos públicos acorde ao que precisan veciñanza e turistas.

Santiago de Compostela, cidade Patrimonio da Humanidade, conta con tan só dous aseos públicos, os situados nos baixos do Pazo de Raxoi e os da Alameda, para unha poboación de case 100.000 habitantes e mais as persoas visitantes.

Esta carencia de aseos públicos supón un problema, especialmente para persoas maiores, mulleres embarazadas e colectivos que traballan na rúa, que se viu agravada nas últimas semanas polo peche dos aseos do aparcadoiro da praza de Galiza; estes eran públicos dende a construción do edificio Castromil e agora a empresa concesionaria do aparcadoiro decidiu pechalos con chave.

Ademais, Santiago de Compostela é unha cidade que recibe anualmente milleiros de visitantes que demandan, xunto coa veciñanza, estas instalacións, é por iso que cómpre a creación e ampliación dunha rede de aseos públicos co obxectivo de mellorar a limpeza da cidade.

O BNG reclama a ampliación da rede de aseos públicos para mellorar a limpeza da cidade