O BNG reclama o apoio do Concello de Santiago á loita de emigrantes retornados sancionados

O BNG reclama o apoio do Concello de Santiago á loita de emigrantes retornados sancionados

Rubén Cela e Tereixa Paz participaron na manifestación deste colectivo

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, e a deputada Tereixa Paz participaron na mobilización de emigrantes retornados que percorreu as rúas da cidade, para expresarlles a súa solidariedade, “xa que en Santiago de Compostela hai centos de veciños e veciñas afectadas por esta estafa institucional”.

“Entendemos que eses emigrantes retornados non son ningunha clase de defraudadores nin delincuentes, son homes e mulleres que nos mellores anos da súa vida tiveron que marchar a outros países a gañar o pan que se lles negaba aquí e, cando puideron, volveron”, indicou Rubén Cela. “Queremos que o Concello de Santiago amose a súa solidariedade, o seu respecto e o seu apoio a súa loita”, engadiu.

Por estes motivos, anunciou que o BNG vai levar unha iniciativa ao vindeiro Pleno de novembro para que o Concello de Santiago “tome posición institucional e demande das demais administracións como a Xunta de Galiza, o Estado e a propia Axencia Tributaria para que se emprenda as medidas oportunas e se adopten solucións e non parches cosméticos”.

As persoas xubiladas que perciben unha pensión de países terceiros, onde traballaron con anterioridade, reclaman que se paralice o actual proceso de regularización fiscal que os sanciona mentres non se clarifique a situación, pois pretenden cobrarlles con cinco anos de retroactividade como defraudadores, cando a normativa tributaria non estabelecía eses pagamentos.

O BNG reclama o apoio do Concello de Santiago á loita de emigrantes retornados sancionados