O BNG reclama o arranxo urxente de diversas rúas no Castiñeiriño, inzadas de grandes fochancas

O BNG reclama o arranxo urxente de diversas rúas no Castiñeiriño, inzadas de grandes fochancas

Require un plan de actuación global para corrixir os graves problemas de asfaltado tanto nas zonas urbanas como rurais de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2015.- O grupo municipal do BNG, ante as queixas recibidas da veciñanza do Castiñeiriño, reclámalle ao Goberno local o arranxo urxente do pavimento de diversas rúas, xa que está inzado de grandes fochancas que supoñen un perigo para a seguridade. O BNG, ante o estado lamentábel en que se encontra a rede viaria de Compostela, segue a trasladarlle esta demanda ao executivo municipal, para que actúe de inmediato cun plan global e corrixa as deficiencias detectadas no asfaltado, tanto nas zonas urbanas como nas rurais, tendo en conta que se trata dunha reivindicación maioritaria.

En concreto, nesta ocasión sinalan a proliferación de buratos que se atopan no pavimento das rúas Divina Pastora e da Granxa do Castiñeiriño, xunto cunha fochanca de grandes dimensións situada na Travesa de Cantarrá, co afundimento da rúa.

Outras zonas que tamén están afectadas pola deterioración do asfalto son a rúa da Estrada e o Combarro, nos tramos próximos á vía do ferrocarril.

Deste xeito, o grupo municipal nacionalista requírelle ao Goberno de Compostela Aberta que emprenda, canto antes, un plan continuado de arranxo de fochancas antes da chegada do inverno e que se preocupe da conservación das estradas municipais co fin de mellorar a seguridade viaria en Santiago de Compostela.

O BNG reclama o arranxo urxente de diversas rúas no Castiñeiriño, inzadas de grandes fochancas