O BNG reclama no Congreso que os Orzamentos inclúan melloras de infraestruturas na Comarca de Santiago

Representantes do BNG na comarca de Compostela
Representantes do BNG na comarca de Compostela
Néstor Rego esixe que se inclúan actuacións nos concellos de Ordes, Oroso, Padrón e Ames ademais dos 23 millóns que demanda para a capital galega
O BNG reclama no Congreso que os Orzamentos inclúan melloras de infraestruturas na Comarca de Santiago

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020.- O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama a través das emendas presentadas aos Orzamentos do Estado a execución de melloras de infraestruturas na comarca de Santiago, concretamente, nos concellos de Ordes, Oroso, Padrón e Ames. Súmanse aos 23 millóns en actuacións que o nacionalista defende incluír nas contas estatais para a capital galega.

Ademais das importantes actuacións que Néstor Rego demanda para Santiago e que reverterán en beneficio dos concellos da contorna, como a estación de mercadorías da Sionlla, a recuperación e plan de usos para a vella terminal de Lavacolla, a creación dun viveiro de comercio ou o saneamento do Sarela, o BNG leva ao Congreso a defensa de melloras infraestruturais no territorio da comarca, con actuacións en Ordes, Oroso, Padrón e Ames.

As emendas que o deputado nacionalista presenta ao Proxecto de Orzamentos do Estado teñen como obxectivo darlle a volta a unhas contas que, como denuncia Néstor Rego, "seguen a ser inxustas xa que no conxunto dos Orzamentos destínase a Galiza un 11% menos a nivel xeral cando sobe nun 19,4% e un 68% no capítulo de investimentos".

Neste sentido, o BNG presentou unha ampla batería de emendas que inclúen importantes melloras infraestruturais na comarca de Santiago en resposta ás demandas que a veciñanza reclama e que o goberno do PSOE-Podemos non contemplou no Proxecto de Orzamentos do Estado.

Entre outras iniciativas de mellora da mobilidade e infraestruturas viarias, o BNG reclama actuacións para evitar asolagamentos na N-550 ao seu paso polos lugares de Merelle, Mesón de Deus, Fonte Estrei, no concello de Ordes, cun orzamento estimado de 500.000€, mellora que xa presentara a organización local co apoio de sinaturas de veciñas e veciños na demarcación de estradas do Estado sen ter ningunha resposta.

O BNG esixe tamén a solución á inseguridade da veciñanza no paso a nivel sen barreiras en Iria Flavia, un traxecto moi transitado por estar á altura do Camiño Portugués no concello de Padrón, o que suporía un investimento de 300.000 €.

Sen saír do concello de Padrón, o BNG solicita que se inclúan no Orzamento os 800.000 € necesarios para unha actuación no peirao de "A Ponte" que se atopa en estado ruinoso, a pesar do seu interese tanto portuario como etnográfico e cultural.

As emendas que o deputado nacionalista defende para a comarca de Compostela inclúen asimesmo o traslado das antenas situadas ao pé dos pavillóns deportivos no centro de Sigüeiro, concello de Oroso, co fin de poder rematar a urbanización peonil da zona.

O BNG defende no Congreso a consignación nas contas de 10 millóns de euros para a nova estación depuradora de Santiago e Ames, o que multiplica por máis de vinte os 448.000 euros que o goberno do PSOE-Podemos recolle  para o 2021, claramente insuficientes para a organización nacionalista.

"As emendas presentadas son demandas imprescindíbeis da veciñanza da comarca de Santiago que non están reflectidas nos Orzamentos do Estado e, para o BNG, son actuacións urxentes e necesarias, e é incomprensíbel que non se contemplen nunhas contas que, como vemos, incrementan a partida para infraestruturas", explica Néstor Rego.

Estas emendas súmanse ás que o BNG presentou para a cidade de Santiago de Compostela como a creación dun viveiro de comercio na Cidade Histórica, a humanización da rotonda de Conxo, a recuperación da vella terminal da Lavacolla e a estación de mercadorías da Sionlla , un proxecto expositivo para a estación intermodal Daniel Castelao ou medidas ambientais, como o saneamento do río Sarela, a erradicación da herba da Pampa ou a propia estación depuradora,  nun conxunto de actuacións que suporían o incremento de 23 millóns de euros do Orzamento destinado á capital galega.

Ademais, Néstor Rego destacou que a comarca se vería beneficiada por melloras de especial repercusión como  "a suba xeral das pensións mínimas para equiparalas ao Salario Mínimo Interprofesional; ou a rebaixa do IVE cultural con gran repercusión nesta cidade ao ser capital cultural de Galiza; a eliminación do IVE das máscaras; e a rebaixa do IVE ao 10% nos salóns de peiteado ou, de maneira especial, o Plan de apoio ao pequeno comercio e hostalaría cun orzamento de 20 millóns de euros", que o BNG defendeu no Congreso.

FOTO: De esquerda a dereita de pé: O portavoz municipal en Ordes, Pablo Vidal, a portavoz municipal en Oroso, Isabel Fernández e a portavoz municipal en Padrón,Beatriz Rei. Sentadas: a portavoz municipal en Compostela, Goretti Sanmartín, o deputado no Congreso, Néstor Rego e  portavoz municipal en Ames, David Santomil.

O BNG reclama no Congreso que os Orzamentos inclúan melloras de infraestruturas na Comarca de Santiago