PLENO

O BNG reclama unha instalación adecuada diante da Cociña Económica para facilitar o seu labor

Navia Rivas
Navia Rivas

A organización tivo que adecuarse ás normas do comité clínico e na actualidade persoas colaboradoras coa Cociña Económica están a recoller sinaturas para procurar un sistema de acubillo da chuvia e da calor na praza do Irmán Gómez, que pode ser unha carpa ou outro método que se considere apropiado

O BNG reclama unha instalación adecuada diante da Cociña Económica para facilitar o seu labor

Santiago de Compostela, xullo de 2021.- A concelleira Navia Rivas anunciou que o BNG presentará unha iniciativa no Pleno para que o Concello de Santiago de Compostela, de acordo coa Cociña Económica, dispoña dunha instalación adecuada na praza do Irmán Gómez para gorecerse da chuvia e da calor as persoas usuarias e para facilitar o labor desta entidade.

A Cociña Económica de Santiago de Compostela é unha institución benéfica de carácter privado, das Fillas da Caridade de San Vicente de Paul e Luisa de Marillac, que se creou en 1891 co obxecto de favorecer ou axudar á clase proletaria e indixente, proporcionándolle alimentación nutritiva, san e barata, estendéndose a todos/as os/as que o demanden a mínimos prezos e dando educación e instrución a un sennúmero de persoas que alí concorren e carecen dela, segundo recolle o seu regulamento.

Entre 2015 e 2016 producíronse obras con perto de 1 millón de euros de orzamento que permitiron ampliar o comedor con 56 prazas máis. Así, na actualidade hai un comedor principal con 126 prazas e dous comedores auxiliares con 16 e 20 prazas. Ademais, optouse por un sistema de autoservizo, que permite dar máis comidas diarias. Para iso, as cociñas foron trasladadas desde a planta baixa ao primeiro andar do edificio. Habilitouse unha zona de estar en que as persoas usuarias poden agardar a súa quenda para comer, para evitar as longas colas que se formaban a diario na praza do Irmán Gómez.

Durante o período de confinamento por mor da pandemia da covid-19 tiveron que adaptar o funcionamento e chegaron a ofrecer alimentación para máis de 230 persoas diarias. Durante os períodos de restricións, entre as 12:30 e 13:30 horas, acudían a este comedor máis de 100 persoas para recoller cadansúa friameira co menú do mediodía e unha bolsa con alimentación para noite. Na actualidade acoden arredor de 140 persoas.

Este labor fundamental da Cociña Económica de Santiago dispón da colaboración de diversas institucións públicas e privadas, xunto con voluntariado, tendo en conta suple as carencias de non dispor dun sistema público para garantir a alimentación de moitas persoas con escasos de recursos económicos.

De feito, a organización tivo que adecuarse ás normas do comité clínico e na actualidade persoas colaboradoras coa Cociña Económica están a recoller sinaturas para procurar un sistema de acubillo da chuvia e da calor na praza do Irmán Gómez, que pode ser unha carpa ou outro método que se considere apropiado.

O BNG reclama unha instalación adecuada diante da Cociña Económica para facilitar o seu labor