O BNG reclama “medidas efectivas” para crear emprego e deter a precariedade laboral

O BNG reclama “medidas efectivas” para crear emprego e deter a precariedade laboral

O paro subiu en Santiago de Compostela, lonxe da mensaxe triunfalista do PP

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2013.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, logo de coñecer os datos do paro referidos ao mes de novembro, que alcanzan as 8.957 persoas inscritas como demandantes de emprego en Santiago, indicou que o Goberno local “pode e debe adoptar medidas efectivas que contribúan a crear emprego e a deter a precariedade laboral que asola a nosa cidade”.

“O principal problema desta cidade é o desemprego, mais o alcalde non toma as medidas necesarias para deter as eivas administrativas que dificultan o camiño das persoas emprendedoras nin aplica incentivos que garantan a contratación estábel de persoas que buscan traballo”, explicou o portavoz do grupo municipal nacionalista. Lembrou ademais a “mensaxe triunfalista e nada realista” do grupo de Goberno municipal do PP que anunciaba un cambio de tendencia.

Subliñou ademais que o 90% das contratacións que se producen son “precarias e temporais” e así non se vai contribuír a gañar a estabilidade laboral necesaria para saír da crise, debido ás escasas políticas activas de creación de emprego e de promoción económica por parte do Goberno do PP na Xunta e no Estado. “A clase traballadora sofre un empeoramento das condicións laborais que chegan, en moitos casos, a baixadas salariais moi cuantiosas co obxectivo de evitar despedimentos nas empresas”, indicou.

Para o grupo municipal do BNG, estas políticas do PP contribúen a un serio empobrecemento e a unha desprotección social que só se pode mudar con medidas alternativas que pulen pola reactivación económica e pola melloría das condicións laborais de traballadoras e traballadores.

O BNG reclama “medidas efectivas” para crear emprego e deter a precariedade laboral