MEDIO AMBIENTE

O BNG reclama que se mellore o prego do Centro de Interpretación Ambiental, que está sen contrato dende decembro

image1
Edificio do CIAC, en Belvís

O Goberno de Compostela Aberta non prevé analizar o proxecto de educación ambiental e o prezo non dá para cumprir as horas e o convenio colectivo

O BNG reclama que se mellore o prego do Centro de Interpretación Ambiental, que está sen contrato dende decembro

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, explicou que o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) leva sen contrato dende decembro e esixiu un cambio nos pregos de contratación, pois non se esixe proxecto de educación ambiental e o prezo de 21.310 euros anuais é insuficiente para manter con criterios de profesionalidade e de calidade este servizo que recibe milleiros de visitas cada ano.

Así, fixo unha chamada de atención sobre un novo servizo que se está a prestar sen contrato “e cun modelo de contratación que nos parece improcedente”. A Xunta de Goberno iniciou o expediente de licitación a concurso público, en outubro de 2017, para a xestión deste servizo para desenvolver as actividades de educación ambiental e a atención ao público e visitas guiadas ao propio centro. Este Centro de Interpretación Ambiental ofrece información sobre Santiago como unha cidade que procura a sustentabilidade e o compromiso coa conservación da biodiversidade.

Súmase á longa listaxe de servizos públicos municipal sen contrato, como a rede de centros socioculturais, ORA e guindastre, pistas de pádel do Multiusos Fontes do Sar, Matadoiro Municipal, Escola Municipal de Música, Escola Infantil de Salgueiriños, entre outros, “que se están a prestar sen respaldo contractual e, dun xeito ou doutro, incumprindo a Lei de Contratos do Sector Público”, explicou.

Sinalou tamén que os pregos prevén un investimento de 21.310 euros “cos que é materialmente imposíbel prestar o servizo que se demanda”. O estudo económico e a licitación non ten en conta para avaliar as propostas os aspectos técnicos educativos, na práctica vaise a unha subhasta económica, e as horas de apertura co convenio colectivo propio do persoal son inviábeis. “Unha de dúas”, dixo, “ou non se vai cumprir o contrato ou non se vai cumprir o convenio colectivo”.

Deste xeito, Rubén Cela demandou “que se paralice a licitación e se fagan as cousas ben, para iso cómpre duplicar a contía económica da licitación porque senón é materialmente imposíbel prestar o servizo e tamén corrixir os erros para facer unha proposta formativa e educativa de sensibilización ambiental co obxectivo de licitar o antes posíbel para que entre en funcionamento en boas condicións”.

Para o portavoz do BNG, “choca que isto sexa no ámbito de competencia de Xan Duro, pois é un concelleiro con sensibilización ambiental e parece raro que non teña en conta o proxecto educativo ambiental e que se trate como un asunto menor, cando neste Concello se licitan páxinas web por importes superiores a 20.000 euros e, neste caso, que se destinen só 20.000 a un servizo tan importante e que implica a contratación de traballadores e traballadoras".

O BNG reclama que se mellore o prego do Centro de Interpretación Ambiental, que está sen contrato dende decembro