PLENO

O BNG reclama un plan de emerxencia e a adecuación das instalacións municipais para a prevención de riscos

BNG
BNG

Require un protocolo e a sinalización dos puntos de saída en caso de ter que evacuar o Pazo de Raxoi

O BNG reclama un plan de emerxencia e a adecuación das instalacións municipais para a prevención de riscos

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019.- O grupo municipal do BNG levará unha pregunta ao Pleno de setembro para coñecer cando ten previsto o Goberno local facer un plan de emerxencia e adecuar as instalacións do Pazo de Raxoi e demais oficinas municipais para a prevención de riscos.

As instalacións municipais no Pazo de Raxoi carecen dun plan de emerxencia, como lle correspondería a un edificio público con centos de persoas nas oficinas e con servizos de atención á veciñanza. Tampouco hai un protocolo en caso de ter que evacuar o edificio por mor dun incidente como un incendio, inundación, movemento sísmico ou ataque intencionado dalgún outro tipo.

A iniciativa do BNG recolle tamén que nin sequera está sinalizada a ruta nin os puntos de saída, cando se trata dun edificio que recibe atención ao público, nin a localización de extintores, nin hai desfibriladores, nin iluminación de emerxencia nas escaleiras, nin protección nas portas cando miden menos do regulamentado, nin sistema de alarma sonora para indicar que se debe abandonar o edificio. A iso súmase que os extintores levan máis dun lustro coa data da revisión caducada.

Deste xeito, o BNG quere saber cando se van adecuar as instalacións do Pazo de Raxoi e demais oficinas municipais para a prevención de riscos e a sinalización de saídas para evacuación do edificio.

O BNG reclama un plan de emerxencia e a adecuación das instalacións municipais para a prevención de riscos