O BNG reclámalle á Xunta que retome o proxecto de construción de vivenda pública de alugueiro para mocidade en Xoán XXIII

O BNG reclámalle á Xunta que retome o proxecto de construción de vivenda pública de alugueiro para mocidade en Xoán XXIII

“Dende que goberna Feijóo non se fixo ningunha vivenda de promoción pública en Santiago de Compostela”, afirma a deputada Ana Pontón

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2015.- A deputada do BNG Ana Pontón e o portavoz do grupo municipal, Rubén Cela, presentaron unha iniciativa parlamentar para que a Xunta retome o proxecto para construír vivenda pública e protexida de alugueiro para mocidade en Xoán XXIII.

O BNG defende a necesidade de que na cidade de Santiago de Compostela se aposte firmemente por unha política de vivenda que responda ás necesidades detectadas. En concreto, na parcela onde conflúen a rúa Xoán XXIII e a Costa Nova de Arriba, unha parcela en propiedade da Xunta de 1.603 metros cadrados valorada en 2,9 millóns de euros existía un proxecto para facer 40 vivendas en réxime de aluguer para seren ofertadas a menores de 35 anos, co fin de evitar a especulación urbanística.

Segundo explicou Rubén Cela, o anuncio do Goberno municipal de Santiago de Compostela “de non ser partícipes de apoiar a decisión do Instituto Galego de Vivenda e Solo de facer vivenda libre de luxo na parcela de Xoán XXIII, inicialmente destinada a protección pública en réxime de alugueiro para xente nova, foi unha das mellores decisións que se tomaron nos primeiros 100 primeiros días de funcionamento”. “Para nós, o urxente era paralizar este pelotazo urbanístico e o importante é que se materialicen esas vivendas de protección pública para xente nova e que esa parcela non siga catro anos máis como un campo de toxos”.

Pola súa parte, Ana Pontón afirmou que “a vivenda é un dereito que o PP quere converter nun negocio” e así o Goberno de Feijóo desmantelou a vivenda de promoción pública. “O programa de vivenda protexida sufriu un recorte do 80% dende que goberna Feijóo”, explicou Ana Pontón, “e dende aquela non se fixo ningunha vivenda de promoción pública nesta cidade, a pesar de que existe unha demanda moi importante como dan conta os datos das 429 persoas rexistradas que agardan unha vivenda en réxime de aluguer en Compostela”.

“Do punto de vista da cohesión social e do deseño urbanístico, para o BNG é importante que a vivenda pública estea no centro da cidade fronte outras políticas que pretenden destinar a promoción pública aos extrarradios”, explicou a deputada nacionalista.

O BNG reclámalle á Xunta que retome o proxecto de construción de vivenda pública de alugueiro para mocidade en Xoán XXIII