PLENO

O BNG reclamará no Parlamento e no Concello de Santiago que a Xunta garanta a apertura do Panteón de Galegos/as Ilustres

Goretti Sanmartín e Mercedes Queixas no Panteón
Goretti Sanmartín e Mercedes Queixas no Panteón

A portavoz en Santiago Goretti Sanmartín e a deputada Mercedes Queixas presentaron as iniciativas á porta do emblemático inmóbel de San Domingos de Bonaval

O BNG reclamará no Parlamento e no Concello de Santiago que a Xunta garanta a apertura do Panteón de Galegos/as Ilustres

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021.-  O BNG presentou unha batería de iniciativas que rexistrou no Parlamento galego e no Concello de Santiago para conseguir a apertura do Panteón de Galegos/as Ilustres, “un lugar simbólico para Compostela, ao ser un centro fundamental relacionado coa identidade, a historia literaria e a tradición”, en palabras de Goretti Sanmartín, portavoz municipal.

“Desde a perspectiva do BNG sempre reclamamos que o patrimonio debe estar aberto para as persoas que nos visitan e para a propia xente de Compostela, de aí que o Panteón de Galegos/as Ilustres deba ser un lugar especialmente promocionado para o turismo interior, para que poida achegarse e coñecelo”, explicou.

Ás portas deste espazo, onde están os restos de Rosalía de Castro e Daniel Castelao, indicou que cando “xa conseguimos que o aeroporto de Santiago se denominase Rosalía de Castro, agora estamos a reclamar que se faga efectivo o acordo plenario para que a nova estación intermodal de Compostela leve o nome de Daniel Castelao”. “Sen asentarnos no noso pasado é imposíbel construír un futuro de dignidade”, afirmou Goretti Sanmartín.

Pola súa parte, a deputada Mercedes Queixas destacou que o BNG xa rexistrou diversas iniciativas en formatos de Proposición non de Lei e preguntas orais e escritas para Pleno no Parlamento para reivindicar a apertura ao público do Panteón de Galegos/as Ilustres. O BNG, na lexislatura pasada, presentou propostas neste sentido “mais a maioría absoluta do grupo parlamentar do PP impediu que este obxectivo que parece tan fundamental, básico e determinante fose adiante”. “Iso provoca anomalías como a que estamos a vivir agora pois, por decisión da Igrexa, o Panteón de Galegos Ilustres está hermeticamente pechado, clausurado e inaccesíbel para a sociedade galega desde o comezo da pandemia”, indicou.

Se nos últimos meses a vida foi recuperando certa normalidade e os espazos culturais e patrimoniais foron abrindo os seus usos, con limitacións por mor da prevención da pandemia, “non se comprende nin se pode aceptar que o Panteón de Galegos/as Ilustres permaneza pechado”. Destacou que este é un espazo declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que ten que ter un compromiso de apertura e que, grazas á colaboración do Museo do Pobo Galego, anteriormente se podía acceder.

Porén, “a Xunta ten que garantir esa accesibilidade a un espazo central da nosa identidade cultural e patrimonial galega, como é o Panteón de Galegos/as Ilustres, para asegurar que sexa un espazo laico, civil e de interese social de utilidade pública ao ser un ben colectivo común dos galegos e das galegas”, concluíu Mercedes Queixas.

O BNG reclamará no Parlamento e no Concello de Santiago que a Xunta garanta a apertura do Panteón de Galegos/as Ilustres