O BNG, en contra de recualificar o vello hospital de Galeras para poñer unha superficie comercial

O BNG, en contra de recualificar o vello hospital de Galeras para poñer unha superficie comercial

“Resulta sorprendente que Compostela Aberta teña a mesma posición que o Partido Popular e non queira darlle un uso social ao inmóbel”, sinala Rubén Cela

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2016.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, sobre a modificación puntual da Ordenanza Especial 5 Galeras, no ámbito do antigo hospital, que se debaterá este xoves no Pleno, afirmou estar sorprendido de que o novo Goberno de Compostela Aberta teña a mesma posición que o PP para recualificar o edificio e darlle uso para unha superficie comercial. “Dixémoslle non ao PP e dirémoslle non a CA”, indicou.

“Dende o ano 2003 que deixou de ter uso, coincidimos en que é importante e urxente darlle unha solución a esta peza importante para a cidade en termos urbanísticos”, explicou Rubén Cela. “Non nos parece mal a solución arquitectónica adoptada pois, aínda que non estea catalogado, ten certo valor na arquitectura hospitalaria en Galiza, valor sentimental e de recordo histórico para os veciños e veciñas de Santiago, por iso é bo que se conserve a fachada, a estrutura de planta hospitalaria e a envolvente volumétrica”, engadiu.

“Non nos parecía ben no pasado, cando o PP trouxo un protocolo para o cambio de usos no planeamento, que era residencial comunitario, sanitario, asistencial e hoteleiro; e agora vaise incluír a maiores o uso comercial e de oficinas”, explicou.

A intención última é coñecida para facer unha superficie comercial na planta baixa e usos diversos privativos nas partes superiores, a maiores dun aparcadoiro sen que exista un estudo de mobilidade mínimo de que como pode afectar esa superficie comercial nesa zona.

O BNG non está de acordo con recualificar ese edificio para instalar unha gran superficie comercial, pois era unha oportunidade para que a cidade tivese un equipamento necesario como a creación de prazas de residencia para persoas da terceira idade, para enfermos crónicos de media e longa distancia, que podía acoller un centro de día público ou mesmo acoller prazas de residencias para familiares de enfermos que se desprazan de diferentes puntos para recibir tratamentos no CHUS. Neste sentido, Rubén Cela indicou que podía ter usos diversos e complementarios con certa vocación social. “O último que necesita Santiago son máis centros comerciais, por iso defendemos un uso social desas instalacións”, concluíu.

O BNG, en contra de recualificar o vello hospital de Galeras para poñer unha superficie comercial