ENSINO

O BNG reúnese coa FANPA e advirte da falta de actividades de conciliación no verán e da “inoperancia da Concellaría de Educación”

Reunión coa FANPA
Reunión coa FANPA

O PSOE está a dar pasos atrás en educación e fomento da igualdade ao deixar de ofrecer este servizo público con carácter universal

O BNG reúnese coa FANPA e advirte da falta de actividades de conciliación no verán e da “inoperancia da Concellaría de Educación”

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021.-  O BNG mantivo unha reunión coa Federación de Asociacións de Nais e Pais de Compostela (FANPA) ante as consecuencias que vai provocar a falta de actividades de conciliación que o Concello de Santiago non vai organizar este verán, como aconteceu no entroido e en Semana Santa. Advirte tamén da “inoperancia e da falta de vontade do concelleiro de Educación que nin actúa nin escoita a comunidade educativa”.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, o concelleiro de Educación pretende suplir as actividades de conciliación co programa “Vive o verán” dos centros socioculturais, cando este non é un servizo de carácter universal xa que vai por sorteo de 150 prazas, carece dun modelo específico de carácter pedagóxico e non se organiza nos centros de ensino.

“Esta falta de oferta por parte do Concello está a provocar que se favorezan os modelos privados e relixiosos e se deixe sen este dereito de actividades públicas municipais de conciliación a numerosas familias”, sinalou a portavoz do BNG.

Isto evidencia que o Goberno local carece dun modelo de actividades de conciliación e que está a dar pasos atrás nos servizos públicos e en materia de fomento da igualdade, cando o PSOE en campaña electoral se comprometera a reforzar os programas de lecer nos fins de semana e nos períodos vacacionais.

Así, o BNG volverá trasladar ao Pleno a proposta de realizar un contrato para o programa anual de actividades extraescolares e de conciliación para Nadal, entroido, Semana Santa e verán, que inclúa o mes de agosto, e que xa fora aprobada en novembro de 2016.

Na reunión coa FANPA trataron tamén, entre outros temas, a necesidade de actualizar o mapa escolar e as diversas queixas recibidas pola mala calidade dos menús alimenticios nos comedores escolares.

O BNG reúnese coa FANPA e advirte da falta de actividades de conciliación no verán e da “inoperancia da Concellaría de Educación”