O BNG de Santiago recolle sinaturas para apoiar a ILP de divulgación do legado de Castelao

O BNG de Santiago recolle sinaturas para apoiar a ILP de divulgación do legado de Castelao

Reclaman a catalogación da súa obra e maior difusión no sistema educativo

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2015.- O BNG instalou unha mesa na praza 8 de Marzo, na Porta do Camiño, para recadar sinaturas á Iniciativa Lexislativa Popular destinada a dar a coñecer o legado de Castelao. A carón da súa figura, as persoas interesadas achegáronse para tirar fotografías e reclamar a catalogación da súa obra e unha maior difusión no sistema educativo.

A ILP presentada no Parlamento de Galiza foi impulsada pola Federación de Asociacións Culturais “Galiza Cultura” co obxectivo de reclamarlle á Xunta a difusión de Afonso Daniel Rodríguez Castelao para facilitarlle o acceso do seu legado ao pobo galego, mediante a catalogación de toda a súa obra, a súa dixitalización e a súa integración nun espazo museístico, ademais da sinalización dos lugares relacionados coa súa vida.

Preténdese así que a súa obra artística, literaria e ensaística de carácter político poida estar aberta ao público para ser estudada debidamente e con presenza no sistema educativo e nos medios de comunicación do noso país. O grupo municipal do BNG de Santiago trasladou ao Pleno de Santiago unha moción neste sentido, mais o seu debate foi rexeitado cos votos do PP.

Esta iniciativa pretende salvar a eiva existente no sistema educativo relativa á desatención do coñecemento da historia de Galiza e das súas manifestacións culturais e patrimoniais, que repercute de xeito negativo na conciencia social do pobo galego e na súa autoestima. Nesta desatención histórica e cultural é especialmente significativa a ausencia da figura de Castelao, cunha obra de valor incuestionábel na primeira metade do século XX no ámbito político, artístico e literario.

O Parlamento de Galiza declarou a súa obra como Ben de Interese Cultural mais o Goberno da Xunta non fixo efectivo este acordo, para o que cómpre a colaboración de diversas institucións, organismos e entidades que posúen obras da autoría de Castelao para asinar acordos de cesión co fin de que poidan ser expostas, con carácter permanente e dotadas das debidas medidas de protección, co obxectivo de divulgar o seu coñecemento.

O BNG de Santiago recolle sinaturas para apoiar a ILP de divulgación do legado de Castelao