PLENO

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de espazo alternativo para aparcar a veciñanza da Calzada de Sar

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin
É necesario estabelecer canles de diálogo e participación para evitar o malestar de residentes que logo das obras de reurbanización non teñen onde estacionar
O BNG traslada ao Pleno a necesidade de espazo alternativo para aparcar a veciñanza da Calzada de Sar

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021.-  O BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para coñecer a previsión do Goberno local para solucionar o problema do aparcadoiro de residentes na Calzada de Sar. Reclamará tamén que atendan a petición de reunión solicitada pola veciñanza, tendo en conta que coas obras de reurbanización quedaron sen prazas para estacionar os seus vehículos sen que existise diálogo nin alternativas e que algunhas destas vivendas carecen de garaxes.

De feito, foi precisamente a veciñanza quen demandou o acondicionamento desta vía e por iso é necesaria a revisión deste proxecto para dar servizo ás necesidades das persoas residentes neste barrio.

Segundo explicou a veciñanza a representantes do BNG, existía un compromiso co actual Goberno local de que as persoas residentes poderían estacionar os seus coches na calzada en horario de 21:00 a 9:00 h. e unha hora para xantar. Para iso, cumpría unha indicación de “só residentes”.

Outra das opcións da veciñanza é contar cun distintivo de residentes para deixar os seus coches na rúa paralela, Cruceiro de Sar, e que lles permitan estacionar alí.

A terceira posibilidade que ofrecen é dotar dun aparcadoiro de 6 prazas para residentes na nova zona urbanizada e nos viarios que se están a abrir no terreo paralelo á Calzada de Sar.

Para o BNG, é necesario estabelecer canles de diálogo e participación para evitar o malestar da veciñanza que non tivo coñecemento previo do proxecto e na actualidade se encontran sen alternativa de estacionamento, nin sequera para carga e descarga ou para persoas con mobilidade reducida e discapacidades.

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de espazo alternativo para aparcar a veciñanza da Calzada de Sar