PLENO

O BNG traslada ao Pleno de Santiago a petición para eliminar o imposto especial de electricidade e a rebaixa do IVE ao 4% no recibo da luz por ser un ben de primeira necesidade

Navia Rivas
Navia Rivas

Os cambios de tarifa aplicados afectan principalmente a fogares, hostalaría, pequenas empresas e explotacións gandeiras

O BNG traslada ao Pleno de Santiago a petición para eliminar o imposto especial de electricidade e a rebaixa do IVE ao 4% no recibo da luz por ser un ben de primeira necesidade

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021.-  O BNG trasladará ao Pleno unha moción para reclamarlle ao Goberno do Estado a eliminación do imposto especial da electricidade e a rebaixa do IVE do 21% ao 4% na factura da luz por ser un ben de primeira necesidade. Reclamará tamén un cambio nas políticas para que beneficien os territorios de produción de enerxía eléctrica compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción a través dun abaratamento dos prezos.

“Desde o BNG consideramos que a norma que entrou en vigor o 1 de xuño sobre a tarifa da luz xera un impacto negativo nos consumidores e consumidoras, sobre todo, tendo en conta que lle afecta a sectores da poboación e negocios que xa están sufrindo as consecuencias derivadas do forte impacto económico das restricións impostas pola loita contra a covid-19”, explicou a concelleira Navia Rivas.

Deste xeito, afecta principalmente no consumo doméstico e a aquelas persoas consumidoras adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria. Na Galiza hai máis de medio millón de fogares adheridos a esta modalidade que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%.

En consumidores/as cun perfil de consumo como o da hostalería, xa duramente golpeado pola pandemia, e nas PEMES, sufrirán graves consecuencias, “pois as súas actividades desenvólvense necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía”. “Todo isto nunha Galiza que exporta electricidade”, engadiu.

Así mesmo, debe destacarse o impacto que ten en determinadas actividades económicas cunha forte implantación na Galiza como son as pequenas explotacións gandeiras, xa que os horarios do período punta da tarifa coinciden con tarefas de alto consumo enerxético. No perfil típico dunha explotación gandeira, o 40% do consumo concéntrase entre as 8h e as 13h pola mañá e as 18 e 23h pola tarde, xusto o período punta, polo que o incremento medio na factura será de máis do 40%. No país existen máis de dez mil explotacións afectadas por este cambio e sen alternativa posíbel.

Deste xeito, o BNG trasladará unha moción ao Pleno para transmitirlle ao Goberno estatal o rexeitamento do Concello de Santiago á súa política enerxética por contribuír ao incremento da factura eléctrica dunha parte importante das e dos consumidores domésticos e de sectores vulnerábeis, singularmente, cos cambios aplicados a partir do 1 de xuño de 2021.

O BNG traslada ao Pleno de Santiago a petición para eliminar o imposto especial de electricidade e a rebaixa do IVE ao 4% no recibo da luz por ser un ben de primeira necesidade