O BNG traslada a preocupación de vendedores/as dos postos tradicionais ante a posibilidade de que abra un supermercado na praza de abastos

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin

Propón reordenar o tráfico en Belvís e humanizar o campus sur

O BNG traslada a preocupación de vendedores/as dos postos tradicionais ante a posibilidade de que abra un supermercado na praza de abastos

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou en rolda de prensa unha iniciativa que levará ao Pleno deste xoves ante a posibilidade de instalar un supermercado na praza de abastos que entraría en competencia cos postos tradicionais e a necesidade de facer unha reordenación do tráfico e de crear novas prazas de aparcamento en Belvís e no campus sur.

Esta proposta, que trasladaron traballadoras e traballadores da praza de abastos ao BNG, xorde da preocupación pola proposta de dar licenza a un supermercado que non só incluiría produtos en seco, senón unha oferta completa que entraría en clara competencia cos postos tradicionais, ao se tratar dunha superficie de maiores dimensións que vende a maior escala. Isto, ademais, “pode deturpar a esencia que lle dá vida á praza de abastos, ese elemento esencial de referencia de santiagueses e santiaguesas e da comarca como un lugar emblemático desa oferta do comercio compostelán”, explicou. “Por iso o BNG quere saber cales son as previsións do Goberno local e se vai permitir unha área de supermercado neste mercado tradicional e, sobre todo, se está a dialogar cos sectores afectados”, afirmou.

Outra das preocupacións recibidas polo BNG destes traballadores e traballadores da praza de abastos é relativa á peonalización de Mazarelos “sen antes dar alternativas aos problemas de tráfico existentes, tanto para os colexios como para vendedores e vendedoras da praza que poden ver reducidas as posibilidades da clientela de acceder até a praza para recolleren as súas bolsas”. “O BNG defendeu no seu momento que se estudasen as posibilidades dese aparcamento soterrado en Belvís, mais agora adóptanse medidas sen buscar alternativas para ese tráfico” nin para as necesidades de estacionamento de vehículos nin para a carga e descarga. Así, poderíase estudar como alternativa unha reordenación do tráfico na subida desde Virxe da Cerca a San Fiz, de xeito que se converta en dobre circulación e permita dar un xiro para a descarga, de paso e parada, para poderen desenvolver o seu traballo a diario, ademais de recoller as mercadorías as persoas usuarias deste mercado “sen utilizar o Arco de Mazarelos que se debe salvagardar de maneira especial”.

Deste xeito, indicou que “non hai diálogo co conxunto de traballadores e traballadoras da praza nin hai información nin alternativas para lles buscar unha solución”. “Cando falamos de que queremos ter unha cidade máis humanizada, con máis peonalización, con redución e pacificación de tráfico e aposta por sistemas de transporte alternativos, necesitamos dar esas alternativas”, indicou.

Lembrou que o BNG leva anos coa demanda de que haxa un proxecto de aparcadoiro soterrado no campus sur que xa entrou na negociación dos Orzamentos de 2017 e do que se fixo un anteproxecto. “Isto é fundamental para o interese da Universidade e toda a veciñanza para devolverlle o carácter de residencia ao campus, nunha zona que ten que estar libre de ser un aparcadoiro de coches e incrementar o proceso de humanización do campus, ademais de servir para o comercio do Ensanche, tendo en conta os altos prezos dos aparcadoiros”, destacou.

O aparcadoiro público no campus, no programa electoral do PSOE

Neste sentido, avoga por que ese novo aparcadoiro do campus “sexa público, realizado polas administracións cun traballo en conxunto e buscando fórmulas alternativas como se puxera enriba da mesa, cunha división entre prazas concesionadas para persoas residentes ou que traballan en Santiago de Compostela e outra de prezos públicos semellantes aos de Xoán XXIII que podería ser unha alternativa ás necesidades do comercio do Ensanche”.

Neste contexto en que hai posibilidade de facer unha reforma do campus, na zona de Farmacia e na praza do Seminario de Estudos Galegos, coa previsión dun novo aparcadoiro alí, Bugallo afirmou que é un problema da Universidade exclusivamente e que non é prioritario para Santiago de Compostela. Para o BNG, “cuestións deste tipo deben ser en colaboración coas administracións e é algo que lle interesa tanto ao Concello como á Universidade” mais tamén porque o actual alcalde, Sánchez Bugallo, levaba esa proposta no seu programa electoral de 2019 coa seguinte redacción: “Reactivaremos o proxecto de construción dun aparcamento público no campus sur que dea servizo ao Ensanche e ao Casco histórico”.

O BNG traslada a preocupación de vendedores/as dos postos tradicionais ante a posibilidade de que abra un supermercado na praza de abastos