A Comisión de Queixas e Suxestións leva tres meses sen atender reclamacións veciñais

A Comisión de Queixas e Suxestións leva tres meses sen atender reclamacións veciñais

Correspóndelle defender os dereitos da cidadanía nas súas relacións co Concello e supervisar a actuación dos servizos públicos municipais

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2015.- O grupo municipal do BNG reclámalle ao alcalde que convoque a Comisión de Queixas e Suxestións, xa que leva máis de tres meses sen se reunir para atender as reclamacións que a veciñanza lle traslada ao Concello de Santiago.

O Goberno local debe convocar a Comisión de Queixas e Suxestións mensualmente para resolver ducias de requirimentos sobre o funcionamento dos servizos municipais que se reciben nese tempo mais, dende a constitución da nova Corporación municipal, aínda non se reuniu. A última vez foi o pasado 5 de xuño.

Esta comisión, integrada por representantes de todos os grupos políticos, funciona como mediadora e impulsora das achegas, suxestións, queixas e intereses tanto da veciñanza como dos colectivos e asociacións. Así, correspóndelle defender os dereitos dos veciños e das veciñas nas súas relacións coa Administración municipal e supervisar a actuación dos servizos públicos.

Ademais, a comisión encárgase de realizar un informe anual das queixas presentadas e das deficiencias observadas no funcionamento dos servizos municipais e poderá, igualmente, formular recomendacións xerais para a mellora dos servizos públicos e a atención á cidadanía.

A Lei de Grandes Cidades indica no seu artigo 20.1 que debe conformarse a Comisión Especial de Suxestión en cada concello. En concreto, en Santiago de Compostela, o seu funcionamento réxese polo capítulo IV do Regulamento orgánico do Pleno, que no artigo 134.1 especifica as funcións da oficina e da comisión de queixas e suxestións.

A Comisión de Queixas e Suxestións leva tres meses sen atender reclamacións veciñais