O Concello de Santiago expresa a súa condena á ditadura franquista coa aprobación dunha declaración institucional presentada polo BNG

O Concello de Santiago expresa a súa condena á ditadura franquista coa aprobación dunha declaración institucional presentada polo BNG

Organizarase unha homenaxe pública aos veciños e ás veciñas vítimas da Guerra civil e da represión

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2016.- O Pleno de Santiago de Compostela aprobou unha declaración institucional presentada polo BNG para expresar a súa condena do golpe de Estado militar de 1936 e da ditadura franquista.

Ademais, promoverá no ano 2016 o desenvolvemento dun programa de actividades, en colaboración con entidades da memoria e concellos, arredor da memoria histórica, a represión e a resistencia contra o fascismo. Acordouse tamén a eliminación, supresión e anulación dos acordos, distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa ditadura.

Ao abeiro desta iniciativa, organizarase unha homenaxe pública aos veciños e ás veciñas vítimas da Guerra civil e da represión exercida durante a ditadura franquista, coa instalación dunha placa conmemorativa no monumento erguido no Cemiterio de Boisaca en 1998 na súa lembranza.

Unha das proposicións do BNG foi destinada a pór en marcha, en colaboración coas asociacións de comerciantes, un viveiro de pequeno comercio na Cidade Histórica e unha liña de axudas á rehabilitación de locais para favorecer a súa revitalización e a creación de emprego. Contou co voto a favor de todos os grupos, agás a abstención de Compostela Aberta.

Outra das iniciativas da formación nacionalista en Raxoi pretende a elaboración dun plan estratéxico de subvencións para reducir as axudas nominativas nos orzamentos municipais 2017. Así, requiriu que se elabore unha ordenanza municipal de subvencións co fin de favorecer unha maior eficacia, eficiencia e control dos cartos públicos destinados a este fin. Foi rexeitada cos votos do PP e a abstención de Compostela Aberta.

O grupo municipal do BNG requiriu que Concello publique un bando municipal coa declaración do 25 de xullo como Día da Patria Galega, a colocación da bandeira galega na praza de Galiza e a realización dunha campaña para distribuílas co fin de que a veciñanza as pendure en fiestras, galerías e balcóns durante as festas de Santiago de Compostela. O alcalde comprometeuse a estudar a iniciativa.

Tamén demandou a recuperación da caseta común da hortas de Belvís, destinado a gardar os apeiros de labranza, ademais da necesidade de adoptar medidas que permitan garantir o seu mantemento. Outro dos rogos foi destinado a que se adecúe a programación do sistema automatizado de regadío de xardíns públicos a horarios e condicións meteorolóxicas, co obxectivo de reducir o consumo de auga e evitar o seu dispendio cando chove no verán. Ambas as iniciativas foron aceptadas.

O Concello de Santiago expresa a súa condena á ditadura franquista coa aprobación dunha declaración institucional presentada polo BNG