COMEDORES ESCOLARES

Rubén Cela: “É un auténtico desatino propor que as ANPA asuman a xestión dos comedores escolares”

Mantivo unha reunión coa Federación de Asociación de Nais e Pais para exporlles as propostas do BNG para os Orzamentos

Rubén Cela: “É un auténtico desatino propor que as ANPA asuman a xestión dos comedores escolares”

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, despois de reunirse coa Federación de Asociación de Nais e Pais para exporlles as iniciativas propostas polo BNG para incluír nos Orzamentos de 2017, coincidiu con este colectivo en que non poden asumir a xestión dos comedores escolares cando é competencia da administración.

Así, sinalou en rolda de prensa que lle trasladou ás ANPA que despois “dunha xestión absolutamente calamitosa dos comedores escolares no curso 2015-2016”, reiterada no curso actual “de xeito desastroso co resultado de manter o mesmo modelo e empresa contratada durante o Goberno do PP”, sobre a que pesaban múltiples queixas e dun xeito máis caro sen que iso redundase nun mellor servizo de atención a nenos e nenas nin na calidade da alimentación.

Coincidiron tamén en que a proposta do concelleiro de Educación de que as ANPA poidan volver asumir a xestión dos comedores é “un auténtico desatino” e constitúe o cumio “dunha pésima xestión deste proceso”.

Para o BNG, o servizo de comedores ten contido educativo, resulta crucial para a conciliación da vida laboral e familiar, garante dunha acaída alimentación para familias con escasos recursos e constitúe un aporte de hábitos de vida saudábel. “Polo tanto, é un servizo básico que non pode depender dunha ANPA nin do voluntarismo dun centro de ensino concreto”, afirmou. Deste xeito manifestou que as ANPA non son empresas de servizos, non teñen que rexerse por criterios de contratación como lle corresponde ás administracións públicas, non teñen mecanismos de inspección nin de control para facer seguimento, non teñen recursos para xestionar cobros e impagos, nin técnicos especialistas en nutrición nin pedagogos que poidan avaliar se unha oferta é boa ou mala, non deben xestionar información confidencial da situación socioeconómica das familias para facer as bonificacións; e poden caer en inseguridade xurídica pois é anómalo que unha actividade realizada de xeito regular sexa sen soporte legal e iso pode ocasionar problemas en caso de accidente.

“Non hai a máis mínima dúbida de que a xestión debe ser pública e directa, por iso a administración competente para xestionar os comedores é a Xunta de Galiza; os concellos o único que deberan facer nos centros escolares son as obras menores”, indicou. Así, emprazou mais unha vez ao alcalde a manter unha reunión coa Xunta onde se lle esixa a asunción deste servizo cun calendario para que o xestione.

Ademais, Rubén Cela requiriu que o Concello traballe conxuntamente coa Federación de ANPA na redacción duns novos pregos para este servizo, para que non se convertan nunha subhasta “cando se trata dun servizo tan sensíbel como a alimentación e coidado de nenos e nenas e o fundamental non pode ser o prezo ou, cando menos, debera estar baremado cun estudo económico para que sexa de calidade”.

Rubén Cela: “É un auténtico desatino propor que as ANPA asuman a xestión dos comedores escolares”