Elvira Cienfuegos advirte que o contrato da escola infantil de Salgueiriños remata en abril

Elvira Cienfuegos advirte que o contrato da escola infantil de Salgueiriños remata en abril

O BNG urxe a convocar os concursos de xestión das escolas infantís, comedores e Escola Municipal de Música para evitar prórrogas e interromper o curso

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2015.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos advertiu que o Goberno municipal non abriu o concurso para a contratación do servizo de xestión das escolas infantís municipais de Salgueiriños, Conxo e Fontiñas; nin de comedores escolares nin da Escola Municipal de Música para o vindeiro curso, cando na anterior ocasión foron necesarios sete meses para tramitar os procedementos e cos problemas que ocasiona cambiar de empresa co curso iniciado.

Segundo explicou a concelleira, o 17 de marzo abriu o prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso nas escolas infantís municipais e o 11 do mesmo mes rematou o prazo de solicitude de renovación, ademais de estar previsto o prazo de matrícula para os primeiros días de xuño. Porén, “non parece estar previsto o inicio de concurso para a contratación do servizo de xestión das escolas infantís municipais: Salgueiriños, Conxo e Fontiñas” e, como tampouco hai indicios de que estas escolas pasen a integrar a rede de escolas infantís da Galiña Azul, o BNG vén de interesarse tanto pola posíbel integración como polas previsións do Goberno municipal a respecto da contratación da xestión do servizo.

Así, advertiu de que o contrato para a escola infantil de Salgueiriños remata en abril “e cabe supoñer que se prevexa unha prórroga do contrato até finalización do curso”. O contrato das de Conxo e Fontiñas remata en setembro. Hai que recordar que o proceso de contratación deste servizo para os cursos 2013-2014 e 2014-2015 fora iniciado en febreiro de 2013 e non foi até o 17 de setembro que foi adxudicado, “de xeito que o alumnado destas escolas iniciou o curso cunha empresa que logo dun mes foi substituída por outra, a que está na actualidade, que deseguida deu problemas por falta de persoal e de claras liñas pedagóxicas, entre outros”.

Pola falta de calidade dalgúns servizos non procedería a prórroga

“Aínda que algúns dos problemas foron en parte solucionados, o certo é que a satisfacción co servizo continúa a non ser característica da prestación actual, polo que no BNG entendemos que non procedería a súa prórroga, aínda que fose técnica ou legalmente posíbel”, indicou.

Con respecto ao comedor escolar, tendo en conta que “non hai indicios de que sexa a Consellería Educación a que se encargue del” e que en 2013 ao ser adxudicado con retraso provocou “desacougos e disfuncións nos usuarios e usuarias”, ademais de non se pode asegurar que haxa unha satisfacción xeralizada co servizo que xustifique a súa prórroga.

Tamén remata neste ano o contrato coa empresa que xestiona a Escola Municipal de Música de Santiago. “No 2013 a adxudicación produciuse a finais de outubro e, xa que logo, co curso iniciado mais non xerou problemas porque foi á mesma empresa que o viña xestionando, pero teríaos habido de recaer noutra”, sinalou a concelleira.

Elvira Cienfuegos advirte que o contrato da escola infantil de Salgueiriños remata en abril