URBANISMO

Goretti Sanmartín: “O alcalde está encastelado na súa torre, o que vai provocar que se atrase o tema de Peleteiro”  

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin

O PSOE segue a enredar con modificacións do proxecto sen escoitar a veciñanza, o sector comercial nin os grupos municipais 

Goretti Sanmartín: “O alcalde está encastelado na súa torre, o que vai provocar que se atrase o tema de Peleteiro”  

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, despois de participar na Comisión Mixta para o desenvolvemento urbanístico da parcela do antigo colexio Peleteiro, manifestou que o alcalde non pode demorar máis tempo este proxecto. Trátase da última oportunidade de desenvolvemento urbanístico no Ensanche con importantes repercusións comerciais e con posibilidades de ofrecer dotacións sociais e de lecer ao conxunto da veciñanza.

A Comisión Mixta, en que convocan as asociacións, “é un paripé pois non acredita na democracia cidadá e xulga que as asociacións non teñen dereitos, como hoxe afirmou publicamente o alcalde”, sinalou Goretti Sanmartín.

Nestes momentos existe xa una Declaración Ambiental Estratéxica, aprobada en setembro de 2018 con 6 anos de vixencia e, por tanto, se se escollese unha das alternativas que se formularon neste momento -que xa teñen un amplo consenso entre a veciñanza e o sector comercial da zona- non serían necesarios entre 6 e 12 meses máis para repetir esta tramitación e poñer enriba da mesa outro proxecto.

“O único que pretende o grupo de Goberno é gañar tempo e adiar unha decisión que se podería tomar nestes momentos para dentro de 6 meses como mínimo”, sinalou. “O que o BNG esixe é que a decisión se tome xa”, afirmou. “Se for preciso dedicar unhas semanas máis á procura de consensos é mellor facelo agora e gañar medio ano simplemente cunha proposta múltiple arredor da que en ningunha das súas formulacións existe unha maioría”, indicou.

“Dous anos despois de que Bugallo fose elixido alcalde está encastelado na súa torre e segue a enredar con modificacións do proxecto sen escoitar a veciñanza, o sector comercial nin os grupos municipais”, advertiu Goretti Sanmartín. 

Lembrou que o alcalde se comprometera a resolver o tema da parcela do antigo Peleteiro en tres meses, desde que entrou no Goberno municipal en xuño de 2019, e por iso pide celeridade para avanzar neste proxecto.

Goretti Sanmartín: “O alcalde está encastelado na súa torre, o que vai provocar que se atrase o tema de Peleteiro”