PLENO

Goretti Sanmartín cualifica de “pouco transparente” a Conta xeral de 2018, que non reflicte unha “imaxe fiel” da situación económica- financeira e patrimonial do Concello

Destacou o “escandaloso” tempo do período medio de pago a provedores/as que en setembro de 2019 superou os 100 días, que supera o máximo legal permitido
Goretti Sanmartín cualifica de “pouco transparente” a Conta xeral de 2018, que non reflicte unha “imaxe fiel” da situación económica- financeira e patrimonial do Concello

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019.- A portavoz municipal nacionalista en Raxoi, Goretti Sanmartín, explicou no Pleno extraordinario que a Conta xeral de 2018 “non cumpre o seu principal obxectivo de reflectir a imaxe fiel da situación económico-patrimonial do Concello”. O BNG abstívose na votación “para facilitar que se remita ao Ministerio de Economía e Facenda, aínda que sexa con atraso para poder recibir os fondos que lle corresponden a Santiago”.

Deste xeito, cualificou de “pouco transparente” a Conta xeral de 2018 porque non reflicte “unha imaxe fiel da globalidade da situación económico-financiero e patrimonial do Concello de Santiago de Compostela”.

Comezou Goretti Sanmartín coa pregunta de se o Goberno local do PSOE pensa cumprir os prazos de presentación de contas, orzamentos e informes; pois a presentación da Conta xeral débese presentar por lei antes do 1 de outubro e veu a Pleno este 14 de novembro.

Destacou tamén na intervención o “escandaloso” tempo do período medio de pago a provedores/as que en setembro de 2019 superou os 100 días, que supera o máximo legal permitido aínda que houbo un compromiso de redución deste Goberno local “do que, de momento, non se ven moitas luces”.

A execución do Capítulo VI de Investimentos para obras e investimentos en Santiago foi do 26,83%. “Especialmente grave esa inexecución se temos en conta as grandes necesidades de Santiago e o papel fundamental de panca dinamizadora da economía local e consecuente xeración de emprego que deberían xogar estes investimentos en vez de quedar os cartos nun caixón”, destacou. Para o BNG é “escandaloso que haxa case 17 millóns de euros en remanentes, cando en 2017 había case 8 e agora se duplica esa cantidade”. Neste sentido, reclamou que se adopten medidas para executar os orzamentos para que non haxa remanentes tan elevados, “para que o diñeiro se utilice en obras que son necesarias para solucionar os problemas tanto no ámbito rural como urbano”.

Así, sinalou que o investimento por habitante foi de 99,22 euros por habitante, “que non deixa de ser escandalosa a desproporción entre investimento e gasto por habitante, que é de 1048,66 euros. “O esforzo investidor está en 0,09 e o problema é claro: existe unha incapacidade para facer un nivel de investimento produtivo que sexa beneficioso para a cidade”, sinalou.

Ademais aludiu á necesidade de corrixir “a falta dun inventario e do coñecemento patrimonial que reflicta de verdade a realidade económico-financeira do Concello”. “Existe unha incapacidade para facer un nivel de investimento produtivo que sexa beneficioso para a cidade e o único que facemos é devolver endebedamento, entregar diñeiro para os bancos”, indicou.

Goretti Sanmartín cualifica de “pouco transparente” a Conta xeral de 2018, que non reflicte unha “imaxe fiel” da situación económica- financeira e patrimonial do Concello