ECONOMÍA

Goretti Sanmartín propón destinar 1,5 millóns do Orzamento a axudas ao sector comercial, hostaleiro e cultural para afortalar o emprego

plan
plan
Entregoulle un documento ao alcalde coas propostas do BNG para os plans municipais de reactivación económica ante a crise do coronavirus
Goretti Sanmartín propón destinar 1,5 millóns do Orzamento a axudas ao sector comercial, hostaleiro e cultural para afortalar o emprego

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou as propostas do BNG para os plans de reactivación económica presentados polo Goberno municipal de Santiago de Compostela ante a crise do covid-19.

“O BNG considera que este é o momento de dedicar 1,5 millóns de euros do Orzamento municipal de 2020, recentemente aprobado, para implementar medidas que axuden ao sector comercial, hostaleiro e cultural para fomentar o emprego”, explicou.

Neste sentido, afirmou que coincide co Goberno local na necesidade de facer un estudo para chegar a todos os sectores afectados e convocar axudas para gastos de xestión, pago de créditos e xuros. “Desde a perspectiva do BNG faltan medidas que se poden incluír coa redución da partida de Protocolo, doutras de estudos diversos, da eliminación de dúas novas direccións de área, de atrasar as obras previstas para a Casa da Xuventude e de incorporar a esta bolsa de 1,5 millóns de euros as partidas da festas da Ascensión, que non se van poder celebrar, e a do Banquete de Conxo”, explicou a portavoz do BNG en Raxoi.

Ademais das propostas do grupo de Goberno, para o BNG é necesario compensar o recibo da recollida do lixo nos estabelecementos comerciais e hostaleiros obrigados a pechar durante o estado de alerta sanitaria e facer unha liña de axudas directas para aquelas empresas que non queiran subscribir préstamos e que sirva para cubrir gastos e actividades culturais. Deste xeito, axudaríase a dous sectores, o do comercio e o da cultura que ten que traballar en pequenos formatos en vez grandes eventos.

Tamén debe o Concello de Santiago colaborar nos labores de desinfección nas vías e rúas comerciais e abrir unha liña para novo comercio ou instalacións, porque pode haber reorientación dos negocios neste contexto para favorecer a súa continuidade.

O BNG entende que é urxente facer o pagamento anticipado das actividades culturais nun 70% e abrir unha liña específica para axudar as asociacións de baile e música tradicionais que tiveron que interromper a súa actividade.

Nas axudas á contratación, o BNG defende que deben ir ligadas ao convenio e categoría profesionais e deben conseguir que haxa diversificación económica ocupacional e ter equilibrio de xénero, ademais de chegar ás pequenas empresas.

No caso da formación que oferta o Concello de Santiago, é imprescindíbel ampliar a aprendizaxe de idiomas dos mercados receptores e incluír alemán, chinés, italiano, portugués, catalán e cursos novos de xestión da crise, tanto no ámbito económico como psicolóxico, cursos de compostaxe e en materia de protección ambiental.

Ademais, propón un paquete de medidas para a promoción e concienciación para mercar en espazos de produtos da contorna e ecolóxicos como o do Lusco-fusco, que non puido desenvolver a súa actividade de venda de produtos da horta neste período.

Deste xeito, o grupo municipal do BNG entregou un documento coas propostas detalladas ao grupo de Goberno local para incluílas no plan de reactivación económica, ligadas a partidas do Orzamento e que se poden ver incrementadas con fondos do superávit municipal.

Podedes consultar o documento nesta ligazón.




 

Goretti Sanmartín propón destinar 1,5 millóns do Orzamento a axudas ao sector comercial, hostaleiro e cultural para afortalar o emprego