PLENO

Goretti Sanmartín reclama a apertura de máis espazos públicos para estudar na fin de semana neste tempo de exames e oposicións

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Santiago é unha cidade universitaria e administrativa que ten unha grave carencia destes servizos
Goretti Sanmartín reclama a apertura de máis espazos públicos para estudar na fin de semana neste tempo de exames e oposicións

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclama que o Goberno local abra espazos para o estudo, coas medidas de prevención da covid-19 necesarias, tendo en conta que Santiago é unha cidade universitaria e administrativa que ten unha grave carencia destes servizos.

O BNG recibiu queixas da falta de espazos municipais destinados ao estudo, nomeadamente bibliotecas e centros socioculturais, que pechan durante as fins de semana sen ofrecer alternativa.

“Cómpre ter en conta que neste período son milleiros as persoas que están a preparar os seus exames tanto para bacharelato, USC, UNED ou oposicións e que, xa durante a semana, teñen dificultade para atoparen sitio nas bibliotecas públicas por mor da redución de aforo derivada das medidas de prevención da covid-19”, explicou.

“Cando pechan a maioría delas nas fins de semana os problemas agudízanse”, sinalou. Por poñer un exemplo, á hora de apertura da biblioteca do Gaiás os sábados e domingos, ás 9:00 da mañá, xa non quedan prazas libres porque as persoas estudantes están a agardar desde horas antes á entrada para poder coller sitio.

Deste xeito, o BNG formula unha pregunta para saber se o Goberno local ten previsto abrir espazos para o estudo, tendo en conta que Santiago é unha cidade universitaria e administrativa que ten unha grave carencia destes servizos.

 

Goretti Sanmartín reclama a apertura de máis espazos públicos para estudar na fin de semana neste tempo de exames e oposicións