CULTURA

Goretti Sanmartín reclama que se axilice o prazo para resolver as axudas de cultura

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O BNG recibiu queixas da demora da convocatoria, pois moitas das actividades foron programadas para o verán e tanto profesionais como asociacións non saben se disporán de fondos económicos municipais para realizalas
Goretti Sanmartín reclama que se axilice o prazo para resolver as axudas de cultura

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, insta a resolver a concesión das axudas de apoio a actividades culturais de profesionais e de asociacións, tendo en conta que moitas eran para desenvolver no verán e que o 24 de outubro remata o prazo para realizalas.

O BNG trasladará unha pregunta ao Pleno para coñecer os prazos de resolución das convocatorias de axudas ao sector cultural, xa que foron publicadas no BOP o pasado 18 de maio as relativas ao sector profesional e o 27 de maio as das asociacións culturais de 2021.

“Segundo queixas recibidas no BNG, tanto asociacións como empresas do sector profesional que concorreron a estas convocatorias están pendentes da resolución destas convocatorias, tendo en conta de que moitas das actividades estaban programadas para desenvolver nestes meses de verán”, explicou Goretti Sanmartín.

“Isto crea unha situación de desamparo ao non saber se van contar coa axuda económica ou non, ademais da dificultade para adiantar os fondos económicos para poder desenvolver as actividades”, engadiu.

Lembrou tamén o prazo para a execución da programación cultural que opta ás axudas municipais remata o 24 de outubro, o que apremia á súa resolución, “pois xa estamos no segundo semestre do ano e tanto profesionais como asociacións non saben se van dispor destas axudas municipais”.

 

Goretti Sanmartín reclama que se axilice o prazo para resolver as axudas de cultura