Navia Rivas reclama unha maior supervisión das obras dos Concheiros

Gabia nas obras dos Concheiros
Gabia nas obras dos Concheiros
O BNG únese á preocupación da asociación veciñal A Xuntanza polo mal estado das canalizacións
Navia Rivas reclama unha maior supervisión das obras dos Concheiros

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021.- A concelleira Navia Rivas sinalou que o BNG se une á preocupación da asociación veciñal A Xuntanza polas obras nos Concheiros no relativo ás gabias e foxos abertos que deixan á vista as tubaxes de diversas canalizacións que se encontran en moi mal estado, polo que cómpre unha supervisión e un maior control dos traballos que se están a realizar para evitar posteriores intervencións no futuro no caso de detectar problemas.

Ademais, na avenida de Lugo levantáronse tapas dos sumidoiros de augas fecais coa chuvia intensa, tamén na zona de obras, e reclaman maiores medidas de control e de prevención para evitar que isto poida repetirse tendo en conta como afectan as condicións meteorolóxicas adversas ao desenvolvemento dos traballos de reurbanización do barrio.

Deste xeito, o BNG formulou ao Goberno local unha pregunta para saber se ten previsto supervisar as obras dos Concheiros para renovar de xeito adecuado as canalizacións co obxectivo de evitar ter que facer novas intervencións e investimentos cando remate a obra ante o mal estado en que se encontran na actualidade as tubaxes e minimizar, así, as molestias causadas á veciñanza.

Navia Rivas reclama unha maior supervisión das obras dos Concheiros