PLENO

O Pleno aproba dúas iniciativas do BNG para incrementar as axudas de rescate da cultura e do comercio

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
Aprobouse tamén que o Goberno convoque de urxencia o Consello escolar municipal
O Pleno aproba dúas iniciativas do BNG para incrementar as axudas de rescate da cultura e do comercio

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021.- O Pleno ordinario de febreiro aprobou a iniciativa do BNG para o rescate do sector cultural afectado pola crise da covid-19, con propostas para incluír nas bases da convocatoria e cunha dotación de 600.000 euros para 2021, co fin de facilitar que as persoas creadoras poidan optar, ademais das empresas que desenvolvan a súa actividade no concello e as que teñan proxectos de pequeno formato co fin de que se reinvistan os fondos sen gastar. Aprobouse cos votos a favor do BNG e CA e as abstencións de PP e PSOE.

A iniciativa do BNG incluía tamén que se reinvista o 50% de 300.000 euros previstos que quedaron sen conceder na convocatoria de 2020 noutra nova convocatoria con criterios adecuados á realidade e necesidades deste sector cultural, con prioridade a creadores/as e a empresas que desenvolven as súas actividades en Santiago.

Aprobouse tamén a proposición do BNG sobre o IES Lamas de Abade e a urxente convocatoria do Consello escolar municipal cos votos a favor do BNG, CA e as abstencións de PP e PSOE. Esta iniciativa inclúe que se proceda urxentemente a avaliar no marco do Consello escolar municipal a reforma do mapa escolar do conxunto dos centros de Santiago de Compostela, instar á Xunta a paralizar o traslado do alumnado e profesorado do IES Lamas de Abade e que se dote das infraestruturas necesarias a contorna de Lamas de Abade para garantir unha boa accesibilidade da comunidade educativa.

En canto ás mocións, o BNG defendeu unha iniciativa para publicar unha convocatoria extraordinaria de axudas ao comercio local afectado pola crise da covid-19 e específica para aqueles estabelecementos que cumpriron os requirimentos da anterior e quedaron fóra ao resultar insuficiente o crédito destinado, ademais de abrir un prazo para a corrección de erros administrativos derivados do procedemento de rexistro. Segundo explicou Goretti Sanmartín, na convocatoria de decembro de 2020 para o comercio rexistráronse un total de 526 solicitudes, das que resultaron 216 persoas beneficiarias que consumen o total dos 600.000 euros habilitados e 164 comercios quedaron fóra das axudas por falta de crédito, pese a cumprir os requirimentos da convocatoria, xunto con outros que non tiveron oportunidade de corrixir erros derivados do procedemento de rexistro administrativo. Na súa intervención, aludiu á nova convocatoria que pretende publicar o Goberno local, que pretende “gañar tempo e dividir os/as comerciantes”, pois cos fondos que propoñen entrarán algunhas persoas que ficaron fóra, mais non todas, e afondarán na diferenza de quen cobrou diversas axudas e aqueles que non obtiveron ningunha debido á modificación dos criterios. Aprobouse cos votos do BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.

O BNG reclamou tamén instar a Mesa do Congreso e as forzas políticas con representación nesa institución a aprobar definitivamente a Lei de transferencia de titularidade e competencias da autoestrada AP-9 a Galiza no actual período de sesións, ademais de instar o Goberno do Estado a facer efectiva de xeito inmediato a rebaixa das peaxes da AP-9. Aprobouse cos votos do BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.

Ademais, outra moción foi para promover unha nova fase de diálogo coa veciñanza do barrio dos Concheiros para introducir as modificacións necesarias no proxecto de reurbanización dos Concheiros, as Fontiñas e Home Santo, onde primen a accesibilidade e a mellora da paisaxe urbana. Aprobouse cos votos do BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.

O BNG trasladou tamén as demandas da asociación veciñal Casa Agraria para a mellora dos espazos públicos e servizos básicos en Meixonfrío e para instar a Xunta de Galiza a colaborar á humanización do Camiño de Santiago ao seu paso polos barrios de Meixonfrío, Mallou e Salgueiriños. Aprobouse cos votos do BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.

No apartado de rogos, o BNG trasladou a petición para cubrir, mediante carpas ou pérgolas, as zonas deportivas no parque de Trasparlamento co obxectivo de estender a práctica de calistenia e de skate nos meses de inverno. Tamén reclamou a modificación no percorrido da liña do autobús e a instalación dunha marquesiña de grandes dimensións en San Marcos, que dea servizo ao persoal que traballa na CRTVG, ademais de sinalizar o lugar da parada e de instalar un panel informativo cos horarios. O terceiro foi para a ordenación dos tránsitos peonís en dúas parcelas municipais de Salgueiriños co obxectivo de contribuír a mellorar a seguranza viaria e a evitar a acumulación de entullos e material de obra neste espazo público.

Ademais, unha das preguntas do BNG foi para emprazar a convocar a Comisión de memoria histórica e a erguer o monumento de Ánxel Casal, tal como se aprobou en Pleno en setembro de 2019.

Tamén preguntou o BNG sobre a instalación de 43 cámaras de videovixilancia ao abeiro do programa Smartiago e como ten previsto o Goberno local garantir os dereitos fundamentais á intimidade, liberdade de expresión e libre circulación que mediante este sistema se poden ver vulnerados ao permitir a visión, gravación, localización e identificación de persoas e de vehículos, ademais de cuestionar a súa estética nos emprazamentos da Cidade histórica.

Outras das preguntas do BNG foi para coñecer que medidas ten previsto adoptar o Goberno local para facilitar que as mulleres que fan parte da institución municipal, sexan funcionarias ou de empresas concesionarias de servizos públicos, poidan secundar esa xornada de folga convocada para o 8 de marzo de 2021.

O Pleno aproba dúas iniciativas do BNG para incrementar as axudas de rescate da cultura e do comercio