Rubén Cela: “Un ano despois, compróbase que Compostela Aberta non ten proxecto de cidade"

Rubén Cela: “Un ano despois, compróbase que Compostela Aberta non ten proxecto de cidade"

“Non só hai fochancas nas rúas e beirarrúas senón en toda a xestión do Goberno de Compostela Aberta”, afirma

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha valoración do primeiro ano de Goberno de Compostela Aberta dende as eleccións municipais que “non pode ser positiva, é un balance moi crítico do feito nestes 12 meses e tamén do que non se fixo”. “Un ano despois, compróbase que Compostela Aberta incumpre as promesas electorais e non ten proxecto de cidade”, afirmou.

“Isto provoca actuacións inconexas e contraditorias que dan lugar a ocorrencias e falta de planificación, sen priorización de obxectivos e con descoordinación entre diferentes departamentos municipais”, indicou.

Este é un Goberno con “evidentes carencias” na xestión ordinaria, “mesmo despois dos primeiros meses onde se podía entender porque está conformado por algunha xente sen experiencia previa no ámbito institucional nin político”, mais agora “non só hai fochancas nas rúas e beirarrúas senón en toda a xestión do Goberno de Compostela Aberta”. Puxo como exemplo os comedores escolares, escolas infantís, contratos que rematan e se manteñen de xeito alegal, en obras que non se dan posto en marcha...

Aludiu tamén á escasa “capacidade de impulso” do Goberno de Compostela Aberta, sobre todo en departamentos culturais, de obras e de equipamentos. Nestes 12 meses non hai nin unha soa actuación de obras nin de equipamentos que sexa froito do impulso propio deste Goberno, “o pouco que se fixo foi a continuidade de proxectos herdados do PP”.

Rubén Cela sinalou o “incumprimento sistemático do programa, como a participación e o diálogo pois é un Goberno que encaixa moi mal as críticas da oposición, dos colectivos e da propia veciñanza; ademais de ter nula autocrítica en xestións tan nefastas como a realizada nos comedores escolares”.

Cuestionou tamén que non se fixese un modelo de orzamentos participativos e fosen “orzamentos de despacho”; do mesmo xeito que non activaron un ano despois os consellos de participación cidadá, “que non custan diñeiro e que son de vontade política”. No relativo á promesa da transparencia, destacou como exemplos a opacidade na contratación da xestión pública dos centros socioculturais, nas obras de rebacheo, nas adxudicacións de contratos menores reiterados a determinadas empresas e a falta de resposta a preguntas e solicitudes de documentación por parte dos grupos da oposición, para exercer o seu labor.

No apartado económico, sinalou que “lonxe da promesa dos impostos máis equitativos, redistributivos e pensando nas maiorías sociais, Compostela Aberta intentou unha suba indiscriminada do IBI que ía gravar ás clases populares”.

Fixo mención tamén ao “retroceso na remunicipalización dos servizos públicos” neste período, porque máis alá das palabras, se privatizaron labores como a axenda de protocolo, cando era desenvolvido por persoal municipal.

“Outra das grandes faltas de compromiso foi facer do Pleno o epicentro da vida política municipal, é a primeira vez que vemos un intento de coartar o tipo de debates plenarios”, advertiu Rubén Cela.

Rubén Cela: “Un ano despois, compróbase que Compostela Aberta non ten proxecto de cidade"