COMEDORES

Rubén Cela propón publicar a convocatoria de axudas de comedor e actividades extraescolares para ir en prazo no vindeiro curso

Lembra que o BNG conseguiu ampliar estas partidas nos orzamentos

Rubén Cela propón publicar a convocatoria de axudas de comedor e actividades extraescolares para ir en prazo no vindeiro curso

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, propuxo en rolda de prensa que se publique “de inmediato a convocatoria de axudas de comedores e actividades extraescolares” para avaliar as solicitudes e telas resoltas ao inicio do curso, para así as familias saberen se poden matricular os nenos e nenas en función da partida que lle corresponde.

Rubén Cela sinalou tamén a necesidade de simplificar o procedemento burocrático co obxectivo de facilitar a presentación das solicitudes por parte das familias e a avaliación por parte do persoal municipal.

“Para o BNG, cómpre que o Concello faga esforzos no que ten a ver coa concesión de bolsas escolares que permitan a nenos e nenas de familias con menos recursos acceder a servizos tan básicos como comedores e madrugadores, actividades extraescolares e material escolar básico”, sinalou. “Para que isto se poida materializar, fan falta dotación de recursos económicos e unha boa xestión”, engadiu.

De que houbese recursos suficientes encargouse o BNG, primeiro esixindo na negociación de 2017 a inclusión dunha partida para actividades extraescolares e na de 2018 que se duplicasen as axudas a comedor para evitar que ningún neno ou nena que o precisase ficase excluído, ao conseguir unha partida de 300.000 euros nos Orzamentos municipais para este fin.

Polo tanto, hai recursos municipais para axudas de comedor que cobren até un 90% do custe por un máximo de 90 euros/mes; axudas de material escolar entre 80 e 270 euros anuais por neno/a e para actividades extraescolares de 30 euros/mes.

Para Rubén Cela é unha mostra dun problema de xestión política que dende setembro de 2017 que comezou o curso, Compostela Aberta non aprobase até abril en Xunta de Goberno o pagamento dos cartos adebedados a empresas e ANPAs en concepto de axudas a comedores e actividades. Isto supón un incumprimento flagrante da base 191 da convocatoria que di: “O Concello de Santiago de Compostela aboará mensualmente as contías das bolsas concedidas”, cando o 10 de abril (8 meses máis tarde) aprobou o pagamento dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro; o que supón un grave prexuízo para as empresas que traballan para o Concello e para as ANPAs que teñen que adiantar o pagamento como son as do López Ferreiro, Lamas de Abade e Pío XII.

Isto débese a unha mala planificación e á tardanza en avaliar as solicitudes, pois pese a que o curso comezou en setembro de 2017 o Concello non resolveu até mediados de decembro. Isto provoca que moitos pais e nais non envíen os fillos e fillas ao comedor ou a determinadas actividades porque non saben se son beneficiarios das axudas.

Rubén Cela propón publicar a convocatoria de axudas de comedor e actividades extraescolares para ir en prazo no vindeiro curso