MOBILIDADE

Rubén Cela: “Santiago de Compostela precisa aparcadoiros de bicicletas”

O Goberno de Martiño Noriega segue sen cumprir o acordo plenario para a creación de zonas de estacionamento para estes vehículos

Rubén Cela: “Santiago de Compostela precisa aparcadoiros de bicicletas”

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2017.- O portavoz nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, recórdalle ao equipo de Goberno de Compostela Aberta que en 21 meses non executou o acordo plenario, a raíz dunha iniciativa do BNG, para crear aparcadoiros de bicicletas pese a que é evidente que Santiago de Compostela precisa estas zonas de estacionamento.

Debido á falta de dilixencia do equipo de Martiño Noriega, Santiago de Compostela aínda non dispón de aparcadoiros para bicicletas. Faise necesario habilitar zonas de aparcadoiro específicas de bicicletas, tanto para a veciñanza que usa este vehículo como para visitantes e peregrinos. En 2016 foron 23.347 as persoas que viñeron a Santiago de Compostela en bicicleta e, no que vai de ano, xa se superou a cifra de 10.000 que non atopan espazos públicos para estacionar os seus vehículos de xeito seguro e ordenado.

Ademais, para o BNG, a dispoñibilidade de aparcadoiros de bicicletas cómodos e seguros é unha condición imprescindíbel para promocionar o seu uso. Ao abeiro daquela iniciativa, demandara campañas de concienciación sobre os beneficios de utilización de medios de transporte sostíbeis, incluíndo as vantaxes da intermodalidade no sentido que se poida deixar o coche nun estacionamento e desprazarse pola cidade en bicicleta, que tampouco se realizaron.

Para as localizacións destes aparcadoiros o BNG propón as facultades, o edificio administrativo de San Caetano, estación de autobuses, estación de tren, aparcadoiros de borde como Salgueiriños, San Lázaro e Santa Marta, Porta do Camiño, a avenida Rodríguez de Padrón, Multiusos do Sar, CHUS e Restollal, entre outros.

A Comisión Asesora de Patrimonio Histórico informara xa en 2012 a favor da colocación dun sistema aparcabicicletas no extremo sur do Pazo de Raxoi.

Rubén Cela: “Santiago de Compostela precisa aparcadoiros de bicicletas”