O BNG defende que Educación recupere a praza de coidador suprimida no CEIP Quiroga Palacios

O BNG defende que Educación recupere a praza de coidador suprimida no CEIP Quiroga Palacios

Dende que foi aplicado o recorte en outubro só unha persoa está ao coidado do alumnado de infantil e primaria con discapacidade motriz e sensorial

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2014.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos defenderá no vindeiro Pleno unha moción para que o Goberno municipal se preocupe pola igualdade de oportunidades e que inste á Consellaría de Educación a que incorpore unha persoa coidadora máis ao CEIP Quiroga Palacios coa maior brevidade posíbel.

Segundo explicou a concelleira, todo o alumnado ten dereito por lei a un ensino público independentemente das súas condicións físicas e psíquicas, “un dereito que catro estudantes do CEIP Quiroga Palacios de Santiago teñen minguado porque a súa formación está condicionada por unha decisión unilateral da Consellaría de Educación ao suprimir unha persoa coidadora do centro”.

“Non se entende por que Educación outorga dous coidadores ao inicio do curso académico e suprime unha destas persoas aos poucos días”, sinalou. Así, dende que foi aplicado o recorte o pasado mes de outubro só unha persoa está ao coidado de alumnado de infantil e de primaria con discapacidade motriz e sensorial, distribuído en tres aulas polo que estes nenos e nenas non poden ser atendidos ao mesmo tempo, o que implica que non se lles poidan prestar uns coidados axeitados.

Esta situación viuse agravada hai uns días pola baixa por enfermidade non cuberta da persoa coidadora do centro, lembrou. Isto supuxo que o profesorado asumise tarefas que non lle correspondían, ademais dos prexuízos causados ao alumnado e a familiares, así como a veciñanza deste concello que espera da institución municipal o apoio necesario.

“A pesar de que as familias pediron en repetidas ocasións unha solución e chamaron a distintas portas xa dende o inicio do problema non obtiveron aínda solución”, sinalou Elvira Cienfuegos.

O BNG defende que Educación recupere a praza de coidador suprimida no CEIP Quiroga Palacios