O BNG destaca que a presión política e social consegue dar marcha atrás na reforma do Poder Xudicial

O BNG destaca que a presión política e social consegue dar marcha atrás na reforma do Poder Xudicial

“Esta vitoria cidadá debe dar azos para seguir a combater outras medidas inxustas”, afirma Rubén Cela.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2014.- Rubén Cela valorou o anuncio de rectificación que realizou o ministro Gallardón a respecto do anteproxecto de lei orgánica do Poder Xudicial e subliñou “a importancia da presión política e social porque sen ela estaría aprobado na súa literalidade”.

Así, cualificou de “gran vitoria da cidadanía sobre unha medida inxusta e inxustificada que nos intentaba impor a calzador o PP e isto nos debería dar azos para seguir loitando e combatendo outras medidas deste ministro como pode ser a lei do aborto e a das taxas xudiciais, así como outras medidas do PP igual de inxustas”.

“As cousas son modificábeis cando a xente quere, presiona e loita para conseguir que cambien”, aduciu o portavoz municipal nacionalista.

Engadiu que “o PP e o señor Gallardón só acertan cando rectifican e, neste caso rectifican porque era unha auténtica aberración territorial, demográfica, social, económica e política para Galiza”. Isto demostra que non se pode lexislar en Galiza con ollos de Madrid, porque cando se fai “cometen auténticas barbaridades e disparates que había neste anteproxecto” porque era unha aberración en termos económicos das que “o propio Gallardón se deu de conta de que con esta medida non ían aforrar senón que ían incrementar en gastos porque ía ser necesario ampliar as infraestruturas das cabeceiras de provincia e se ía perder o diñeiro investido nos últimos anos na renovación da planta xudicial”. Isto ía contribuír a afastar a cidadanía, aínda máis, do ámbito xudicial, engadiu Rubén Cela.

Todo este periplo era evitábel se o PP non tivese unha actitude tan prepotente, chulesca e incapaz de dialogar e de ouvir cando hai que facelo, porque só responde cando a presión é absolutamente insoportábel. Agardamos que o PP tome boa nota para que algo así non se volva producir, concluíu.

O BNG destaca que a presión política e social consegue dar marcha atrás na reforma do Poder Xudicial