O BNG empraza o Goberno local a escoitar a Asociación de Hostalaría sobre a nave 5 do mercado

O BNG empraza o Goberno local a escoitar a Asociación de Hostalaría sobre a nave 5 do mercado

“O PP vai deixar escapar a proposta da Asociación de Hostalaría de converter Santiago na capital gastronómica atlántica”

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, demandoulle á concelleira de Comercio e Turismo “que afine o oído e escoite as reclamacións” da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Santiago sobre a nave 5 da praza abastos. Así, emprazou a Reyes Leis a facer un esforzo por intentar chegar a acordo e a puntos de entendemento “polo ben da cidade” e non “tomar medidas unilaterais na praza de abastos que despois sexan irreversíbeis”.

Para o BNG non hai que paralizar as obras da praza de abastos, “poden e deben continuar coa prudencia de non estar determinados ao 100% dos usos da nave, porque hai actuacións no marco desa obra que hai que facelas con independencia do seu contido final”. “Non teñen que parar as obras, a que ten que parar para realizar unha reflexión máis profunda é a concelleira de Comercio e Turismo”, indicou.

“Reyes Leis debería abandonar o triunfalismo que a caracteriza e baixar ao terreo da realidade, porque lonxe de camiñar cara á desestacionalización do turismo en Santiago temos invernos máis duros non só no meteorolóxico”, afirmou, “e cando se coñezan os datos turísticos de febreiro poderemos comprobar que, lonxe de avanzar, se dan pasos cara atrás durante o inverno en pernoctacións e en restauración”.

Referiuse tamén a que o Plan Estratéxico de Santiago en materia de turismo especificaba as necesidades de desestacionalización e apuntaba ao turismo de congresos e ao turismo gastronómico. “En ambos os casos fixéronse as cousas rematadamente mal” por parte do actual Goberno local, indicou Rubén Cela.

Cuestionou que “esta concelleira e o grupo de goberno do PP local deixaron escapar para A Coruña un evento importante como era o Fórum Gastronómico e agora pretenden deixar escapar a proposta da Asociación de Hostalaría de converter Santiago na capital gastronómica atlántica”. “Se Reyes Leis tivese unha opción mellor, debería presentar a súa proposta” e lembrou que, nese sentido, o BNG rexistrou unha pregunta hai un mes para coñecer o seu proxecto e aínda non foi respondida.

O portavoz nacionalista en Raxoi subliñou, ademais, que entidades como a Cámara de Comercio, o Colexio de Arquitectos, a Fundación Catedral, Santiago Centro e gastronómicos como o Grupo Nove, Xantares, Gallaecia e Rías Altas avalan o proxecto da Asociación de Hostalaría de Santiago.

O BNG empraza o Goberno local a escoitar a Asociación de Hostalaría sobre a nave 5 do mercado