O BNG felicita a Plataforma de Galeras na loita por defender o parque contra a obra da rotonda

O BNG felicita a Plataforma de Galeras na loita por defender o parque contra a obra da rotonda

Rafael Vilar lembra que o BNG reclamou no Pleno e no Parlamento a paralización destas obras ao apreciar que só atendían a intereses particulares

O BNG advertira que o cambio de uso desta parcela non foi sometido a información pública

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2014.- O grupo municipal do BNG lembra que defendeu no Pleno de febreiro unha moción para que o Concello de Santiago acordase a paralización das obras da rotonda de Galeras mentres non se esclarecesen as dúbidas sobre a oportunidade e a legalidade do procedemento seguido na súa tramitación. Agora, o alcalde vén darlle a razón á veciñanza e ao BNG ao anunciar que estas obras previstas no convenio asinado polo propio Goberno local non cumpren coa normativa urbanística.

Segundo explicou o concelleiro Rafael Vilar, “o cambio de uso desta parcela non foi sometido a información pública e a veciñanza directamente afectada observou indicios de ilegalidade na tramitación do expediente, que tamén corroborou a Fiscalía ao aceptar a trámite a súa denuncia”.

“A constancia na reivindicación da Plataforma de Galeras e a presión política exercida polo BNG, coas iniciativas trasladadas ao Pleno do Concello e ao Parlamento, contribuíron a que agora se adoptase a decisión de devolver o proxecto e non autorizar a continuación das obras previstas no convenio asinado entre o parking e o Goberno local do PP de Santiago”, afirmou o concelleiro nacionalista.

O BNG advirte tamén que permanecerá vixiante para controlar como se desenvolve agora a suspensión deste convenio.

O BNG felicita a Plataforma de Galeras na loita por defender o parque contra a obra da rotonda