O BNG inclúe nas alegacións aos Orzamentos municipais de 2015 un Plan de Promoción de Emprego

O BNG inclúe nas alegacións aos Orzamentos municipais de 2015 un Plan de Promoción de Emprego

Propón dotar con 1,5 millóns de euros as axudas directas a persoas desempregadas de longa duración, unidades familiares que perciben menos do salario mínimo interprofesional e persoas xubiladas con pensións mínimas

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego rexistrou alegacións á proposta dos Orzamentos municipais para 2015 por valor de 3 millóns de euros, ademais de reclamacións de carácter técnico ao incumprimento do texto refundido da Lei de Facendas locais, do propio Plan de Axuste municipal e de principios contábeis básicos. As alegacións do BNG céntranse en actuacións “que deberan ser fundamentais para 2015: protección social, creación de emprego e restabelecemento dos dereitos laborais recortados ao persoal municipal”.

“Nun contexto onde os recursos son máis escasos e as necesidades son máximas, unha das claves dun bo goberno é priorizar e saber diferenciar as cuestións fundamentais das accesorias”, explicou Rubén Cela. Na proposta de modificación do BNG retráense máis de 3 millóns de euros de partidas “que non son cruciais, relativas a propaganda, publicidade, protocolo e epígrafes de gastos diversos, para redistribuílas en tres actuacións: protección social, creación de emprego e restabelecemento de dereitos laborais recortados ao persoal municipal”, explicou en rolda de prensa.

No relativo á protección social, afirmou que cando hai máis de 22.000 persoas en risco de exclusión social e máis de 4.000 en pobreza extrema, “as prioridades do Concello teñen que ser as persoas e, especialmente, as máis desprotexidas que están a pagar os pratos rotos dunha crise que no provocaron”. Neste sentido, o BNG propón incrementar en máis de 900.000 euros a partida existente de 600.000 anunciada para a renda social, para chegar a 1,5 millóns de euros en axudas directas a estes colectivos: persoas desempregadas de longa duración, unidades familiares que non chegan ao salario mínimo interprofesional e persoas xubiladas con pensións mínimas.

O BNG propón tamén a creación dunha partida nova, “que non existe inexplicabelmente”, que é un Plan de Medidas Urxentes de Promoción de Emprego, dotado con 1,7 millóns de euros, con propostas consensuadas cos axentes sociais, sindicatos, colectivos de empresarios, comerciantes e Universidade, entre outros, para dinamizar a economía local.

Outras dúas modificacións van destinadas a garantir en 2015 o cumprimento do convenio colectivo do persoal municipal, cunha ampliación de 400.000 euros no capítulo I dos Orzamentos para cumprir as obrigas de promoción interna e acción social que nos últimos anos se recortaron, “máxime cando o Goberno local alardea de supostos superávit, remanentes positivos de tesourería e amortización anticipada de débeda, ao tempo que non aplica os acordos legais estabelecidos cos seus propios traballadores e traballadoras”.

O BNG inclúe nas alegacións aos Orzamentos municipais de 2015 un Plan de Promoción de Emprego